A dirección-xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos substituiu, co mesmo profesional todos os días, a ausencia do profesional médico do centro de saúde de O Vicedo. Polo tanto, o centro de saúde de O Vicedo conta coa atención habitual. Hai que lembrar que unha das prazas de médico deste centro de saúde saiu na oferta de facultativos especialistas en Atención Primaria, pendente de resolver.
Así mesmo, o centro de saúde de Ourol está atendido polo seu médico titular. Cando este solicita algún permiso, ao que ten dereito como calquera traballador, a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, fai todo o posible por cubrir a praza, a pesar de que, como todo o mundo sabe, non hai médicos substitutos nas listas de contratación aos que poder recorrer. En todo caso, trátase de situacións puntais, nas qu se garante igualmente a atención aos cidadáns deste concello noutros servizos sanitarios do Sergas próximos.
Polo tanto, a xerencia da área sanitaria de Lugo está a traballar día a día e fai todo o posible por buscar substitutos para todas aquelas situacións previstas ou previstas que se producen a diario no sistema sanitario público, malia que, como dixemos, non hai absolutamente ningún profesional nas listas de contratación aos que poder recorrer para dar cobertura á totalidade de ausencias ou vacantes que se producen.
A Xunta de Galicia ten en marcha medidas pioneiras a nivel estatal para atraer e fidelizar facultativos, tales como o concurso de méritos para médicos de Atención Primaria ou pediatras, especialidades identificadas como deficitarias por parte do Ministerio de Sanidade, o que dificulta a cobertura das prazas cando se produce algunha vacante ou ausencia. Por este motivo, a Xunta decidiu tomar medidas extraordinarias, como o concurso de méritos, para poder solucionar este problema e dotar de especialistas aos centros de saúde públicos.
Non hai, pois ningún tipo de recorte nas prestacións nin no número de prazas asignadas nin ao centro de saúde de O Vicedo, nin ao centro de saúde de Ourol, polo que pregamos unha vez máis, que non se politice a sanidade pública, pois este tipo de críticas só buscan xerar malestar e desconfianza entre a poboación.
O Sergas seguirá a traballar, xunto coa área sanitaria de Lugo, na procura de médicos, tanto para substituír aos profesionais de baixa como para cubrir as vacantes que vaian quedando libres. De feito, moitas das ausencias son cubertas con intersubstitucións e prolongacións de xornada dos outros profesionais que están a traballar polo que, unha vez máis, dende o Sergas agradecemos o enorme esforzo e colaboración de todos os profesionais da sanidade pública galega para manter unha atención sanitaria de calidade.