O vicepresidente da Deputación Efrén Castro e o deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García participaron esta mañá na presentación do Futsal Women’s European Champions, que se xogará o 18 ao 22 de decembro en Burela
A competición reunirá as campioas de España, Portugal, Italia e Países Baixos, convertendo Burela nun referente do fútbol sala a nivel mundial, como se sinalou no acto de presentación celebrado esta mañá no Hotel Nordés, no que participaron o presidente do club mariñao, Manuel Blanco, así como representantes municipais, da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Fútbol.
Efrén Castro destacou “o papel referencial que o Burela FS está a desenvolver no avance do deporte feminino en todos os ámbitos, desde o deportivo ao social” e co que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaboramos como principal patrocinador institucional”
O vicepresidente da Deputación incidiu “na necesidade de que os organismos do fútbol impulsen a inclusión da competición no calendario oficial, da mesma forma que as ligas e campionatos europeos que disputan os equipos masculinos, para seguir avanzando na profesionalización e na igualdade efectiva no deporte”
O vicepresidente da Deputación animou a todas as persoas afeccionadas ao deporte “a achegarse a Burela nestas datas para gozar do mellor fútbol sala do mundo e apoiar o deporte feminino”.