InicioCulturaDiego Pérez: "Somos persoas afeccionadas á pintura e formamos Galioart"

Diego Pérez: “Somos persoas afeccionadas á pintura e formamos Galioart”

Diego Pérez Dopico é pintor afeccionado que xuntamente con outros dous compañeiros de andainas artísticas, exporán os seus traballos en febreiro no Hotel Las Sirenas de Viveiro. Ademais da pintura, tamén traballan a fotografía cun obradoiro en Ortigueira ao que acoden persoas de diversos lugares. Esta será unha oportunidade para ver a evolución de Diego, Ángel e Sergey desde a súa última exposición.

Publicada o

- Advertisement -

Sobre que xira a exposición que vas presentar en Viveiro xunto con outros dous artistas?

A exposición xira sobre a mesma idea que expuxemos na mostra feita nas Carvoeiras de Cervo en 2021 e o título é “Lusco e Fusco”. Somos un grupo de pintores da área de Ortegal, Ángel Picos e Sergey Son, un ruso que leva anos asentado aquí na comarca. Sergey realiza sobre todo retratos que mesmo lle encarga a xente e Ángel é de Cedeira mais vive en Viveiro, dedícase a facer pinturas con acrílicos cun estilo contemplativo. Eu dedícome á pintura abstracta e figurativa. Os tres formamos parte da Asociación Galioart. Por outra parte, o máis relevante que fai a asociación é o Obradoiro de Fotografía e Rúa que facemos durante o Festival de Ortigueira e este ano sería o sétimo obradoiro. O día 5 de febreiro montaremos outra exposición no Ateneo de Ferrol que leva por título “Terra”, case das mesmas característias que anterior.

-Como empezaches na pintura?

Comecei de pequeno, empecei mirando como debuxa a xente e logo fun debuxando eu. Non son un pintor profesional, mais gústame a pintura e por iso con outros coñecidos dedicámonos a facer o que se pode.

-Cal é o estilo que traballas habitualmente?

Fago pintura modernista contemporánea. Ás veces tomo ideas básicas e logo pinto co meu estilo.

-Que referentes tes para traballar no teu estilo?

Sempre me gustou Picasso, Sorolla e pintores que escapan da realidade das cousas. Fago abstracción, cubismo, tamén meter transparencias polo medio. Agora están de moda tamén os murais e a arte contemporánea moderna.

-Falas de murais, realizaches algún?

Non, mais eu traballei na Escola de Música de Ortigueira e alí fixen un taller de graffitti cos nenos, mais traballamos cousas pequenas, nada de murais de gran tamaño. Non me dedico a iso pois xa hai grandes profesionais, nós imos por libre un pouco.

-Onde se vai montar a exposición de Viveiro?

Vaise montar no Hotel Resort Las Sirenas de Viveiro onde xa organizaramos unha exposición antes da pandemia. A data será o mes de febreiro e o espazo será o hall da entrada.

-Pensastes en crear un grupo pictórico na área de Ortegal entre vós os tres e outras persoas?

Houbo xente que expuxo con nós, mais só nos xuntamos para expoñer. Hoxe en día é case inviable por motivos laborais e persoais entre nós e outras persoas, así pois, as veces expoñemos uns e logo outros. O grupo de fotografía funcionou bastante ben e imos así dun lado para outro.

-Aínda así, cantas exposicións tedes feito os tres que ides estar en Viveiro?

Cinco ou seis. Tamén expuxen en Espazo Coruña con Daniel Agra, con Jose María Toledo, un pintor de Salamanca, expuxemos tamén en Ferrol, aí tamén expuxen co grupo de Belas Artes e ultimamente somos nós os tres e así nos imos organizando.

-Sentides que haxa persoas seguidoras e queiran imitar os vosos estilos?

Nós non vivimos da pintura, non somos profesionais desta arte. O noso é un labor de afeccionados aínda que Sergey vende os retratos, Ángel e máis eu tamén temos vendido algún cadro. Nas redes sociais cada un move pola súa parte. Con Galeoart é diferente porque son máis persoas e aí vese máis movemento. No obradoiro de fotografía tivemos catorce persoas, algunhas viñeron de Portugal e outras de Ourense.

-Como separas e conxugas fotografía e pintura?

A fotografía é algo similar á pintura mais é un mundo diferente. Isto é así porque na pintura parece que es máis individual e buscas crear algo así como o teu mundo. Na fotografía podes ir a exposicións, facer obradoiros, fotoveladas como a feita na Fundación Barrié. Tamén pode gustar xuntar persoas que pintan.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...