O Concello de Burela fai “un balance moi satisfactorio” da súa presenza en Fitur para promocionar o potencial turístico da vila. A alcaldesa de Burela, Carmela Lopez; a concelleira de Festexos, Patricia Eijo, e o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, participaron en numerosas actividades e mantiveron reunións cos touroperadores presentes en Fitur. “Burela ofrece natureza, uns días de desconexión, turismo familiar e boa gastronomía, aspectos buscados e moi valorados polo sector turístico”, explica a alcaldesa.
Na xornada de onte, Burela tivo presenza na presentación de ‘Saborea a provincia de Lugo’, da Deputación de Lugo; ‘A Mariña, Turismo de Corazón’, da Mancomunidade de Concellos da Mariña, e ‘Experiencia Turismo España’, no que a Fundación Expomar forma parte dun proxecto da Rede Nacional de Turismo Mariñeiro.
Onte tamén tivo lugar a presentación oficial no stand de Torremolinos da Supercopa Futsal feminina, que terá lugar o vindeiro fin de semana e onde as ‘guerreiras’ do Burela Futsal loitarán para traer a copa de novo a Burela.