Os cambios de ano a miúdo traen consigo novos propósitos e balance do ano que acaba. As experiencias vividas ao redor das actividades da Rede Museística Provincial ao longo do 2023 deixaron milleiros de pegadas no seu facer cotiá e no meu, pero indo do micro ao macro (unha das liñas de traballo da propia Rede), fixaría dous pilares ou raíces: transformación e saúde mental e física.
Vou comezar pola saúde.
Á outra banda do teléfono unha boa amiga que ronda o medio século fálame do que lle dixo o médico na súa última visita, dos segredos para ter unha boa saúde mental e física. Tal como o médico lle explicou son por esta orde, os xa sabidos: unha alimentación correcta, coidar o tempo de durmir e de descanso e facer exercicio. Ademais engade, as relacións sociais.
Entón, que teñamos ou non unhas relacións sociais sas inflúe na nosa saúde. E aquí entran as propostas desenvoltas polos museos da Rede Museística Provincial de Lugo para favorecer o relacionamento, desde os máis cativos ás máis maiores, e con actividades para coidar a nosa saúde desde o contacto coa nosa arte, patrimonio e cultura.
INTERVENCIÓNS MUSEOGRÁFICAS
No 2023, un dos museos da Rede, o Museo Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, abría un novo espazo museolóxico, A vida tralos labirintos mentais, novas portas para o entendemento na eliminación da desigualdade e na aposta por unha saúde integral das persoas. Despois do labirinto do Pazo, ábrese este espazo que bota luz sobre a escuridade e máis alá dunha exposición para visibilizar a enfermidade mental, xorde este lugar de cuestionamento.
Sala do Mapa de Fontán / RMPL
Dous novos proxectos museolóxicos, ou que supoñen unha intervención integral, naceron en Tor no 2023. Ademais da Vida tralos Labirintos Mentais, musealizouse e fíxose accesible a Sala do Mapa de Fontán e abriuse a Casa da Soga que acolle a biblioteca braille do Pazo de Tor. Este tipo de intervencións de nova museografía, supón unha nova forma de mostrar que revaloriza os espazos como xa se fixera no 2022 con Soterradas.
Para celebrar o Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro) celebráronse Encontros na Rede sobre Emprego e Saúde Mental, “Empregar sen prexuizos, Creando oportunidades”. Tratábase de reclamar igualdade de dereitos e oportunidades, abordando a enfermidade mental desde o mundo laboral.
E a cantidade de propostas que vincularon os museos coa saúde como os talleres de Alberto Pena, Pintura e Consciencia no Museo Provincial de Lugo; ou CorporizArte, eses encontros de expresión corporal para relacionarnos cos museos.
Parece claro que a nosa saúde mental depende das nosas relacións sociais. Pero como son esas relacións sociais? No 2014 a OMS aseguraba que un dos principais factores de risco para padecer un trastorno mental radica nas desigualdades sociais e aquí ábrese un amplo e complexo abano para traballar, no que a Rede Museística Provincial leva tempo centrando os seus esforzos de cara a correxir desigualdades de clase, de xénero, de etnia, por discapacidade,… E a saúde mental e física vincúlase aquí con esa outra raíz da actividade dos museos da rede museística provincial, a trasformación.
AVALIANDO O IMPACTO DA CULTURA NO BENESTAR E A SUSTENTABILIDADE
Benvidas/os ao Museo Provincial do Mar de San Cibrao, ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla en Friol, Museo Provincial de Lugo e Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos, que xestiona a Vicepresidencia da Deputación a través da Rede Museística Provincial. Encarna Lago, a xerente da Rede explica, “A Rede é un plan de actuación, de vivir con sustentabilidade, de favorecer o benestar desde a cultura. Para levar a cabo o plan, hai programas como Culturas en Diálogo que é un programa clave para nós. Dentro dos programas hai proxectos, como Mulleres das/nas Aldeas, Soterradas, Recolectoras, memoria e terra; 278.81% de envellecemento sabedoría, Fotografía a Cegas, Álbum de Memorias,…” Ao longo de case 20 anos a RMPL ten desenvolto ducias de proxectos de continuidade.
Mulleres nas /das aldeas /RMPL
O 2023 deixa unha nova edición de “Encontros no rural. Saberes Compartidos” que reuniu en Tor a unha vintena de persoas da cultura para afondar na diferenza entre xestionar un proxecto e habitalo. Falouse da repercusión e a responsabilidade que a cultura ten nas persoas e na sociedade, de como nos pode axudar. Porque a cultura é aproximación, son diferenzas que se unen. A historia e a vida desde os ollos da muller e da súa vinculación coa terra tamén protagonizaron este diálogo de saberes.
Neste 2023 que o Día Internacional dos Museos se celebrou co lema Museos, Sostibilidade e Benestar, a Rede levou como bandeira a museoloxía social e no I Foro de Museoloxía Social da RMPL, durante dous días as voces máis representativas dos museos de toda España intercambiaron experiencias con artistas, xestores culturais, educadoras, xornalistas e estudantes. E a transformación latindo sempre, como o corazón de Historia de Futuro latindo en Tor e dándolle vida.
As Xornadas Pedagóxicas para intercambiar propostas educativas con mestres e mestras ou as Xornadas Pacegas para afondar na historia dos museos e da sociedade na Idade Media son programas que seguen medrando ano tras ano nos museos da Rede.
Xornadas pedagóxicas RMPL / RMPL
E no 2023 seguíronse diversificando programas e desenvolvendo actividades para a transformación como a programación escolar da RMPL e o seu proxecto de Maletas Viaxeiras; Conserva de Memorias que nace dentro de Álbum da Memoria, conversar coas persoas para conservar memorias e espallar sabedoría; 278.81% de envellecemento sabedoría para revalorizar o que aportan á sociedade os nosos maiores; CoidArte, programa de actividades baseado nos valores e nos coidados que expanden os museos para o autocoidado; Fotografía a Cegas; o programa de visitas guiadas Sabías que?, ou os campamentos infantís con actividades como Fontaneando para que a rapazada se relacione co seu territorio desde o mapa de Fontán.
“PARA A REDE FOI UN ANO DE COMPROMISO, DE COMUNICACIÓN, DE CONSTRUCIÓN, DE EXPRESIÓN,…”
O pasado ano déixanos a celebración de encontros de profesionais das Residencias Land Art de creación comunitaria: Da terra que dá novas relacións entre arte e vida. Un proxecto promovido pola Rede Museística Provincial de Lugo, baixo o estandarte da igualdade, a accesibilidade, a inclusión e a sustentabilidade en xestión cultural e como plataforma de visibilización de creadores/as contemporáneos/as.
Un ano de xornadas como as de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense; de conferencias, de exposicións como a de María Corredoira ou Adra Pallón, cuxa obra pódese ver simultáneamente nos catros museos da RMPL, de concertos. De inauguracións como a da sala monográfica Tino Grandío, de traballos de conservación das pezas e de catalogación de novas incorporacións de pezas legadas.
Historias Soterradas Ronsel de Futuro / RMPL
E saltamos o charco e Ronsel de Futuro, Historias Soterradas, a web serie da Rede Museística Provincial de Lugo presentouse en Arxentina para despois despedir o ano percorrendo os concellos da provincia, con este traballo audiovisual de Señor López Producciones. Ronsel de Futuro é un recordo doutros proxectos que viaxa pola creatividade, a inclusión, as relación sociais, as historias doutras nacionalidades, as desigualdades que podemos corrixir. Un traballo de sensibilidade, como todo ao redor da Rede, a web serie pode seguirse na canle de youtube da Rede.
Mirar o pasado desde unha visión contemporánea, investigar e conservar para educar; escoitar e dar resposta ao que a xente pide ou espera dos museos. Ese é traballo de cada día nos museos da Rede. Así refírese Encarna Lago ao 2023 na Rede, “Sempre traballamos as desigualdades con programas como os enfocados a persoas maiores, pero este ano fomos máis alá e puxemos o foco na necesidade de traballar a interseccionalidade das desigualdades incorporando as de clase, ciclos de vida, o neno expósito de Friol, Angelita que traballa en Tor desde nena… Pensar de maneira transversal é unha faceta innovadora da Rede. Achegámonos cunha mirada distina á saúde mental, traballamos cos afectos, coa cocreación, a colaboración, o compromiso… Para a Rede foi un ano de compromiso, de comunicación, de construción, de expresión, de fragmentar para ir do micro ao macro. De afondar no concepto de identidade e de memoria,…lexitimando novas narrativas”.
O LATEXO CONSTANTE E A TRANSFORMACIÓN
O latexo constante. O do corazón de Historias de Futuro en Tor, ese futuro ancestral do que fala Encarna Lago. E os museos deixan de ser só un almacén de obxectos e co latexo constante convértense nalgo vivo, nese espazo socioafectivo para xerar cambio social.
A Tranformación nace de Que pasa? Que podemos facer? Fagámolo
O 2023 foi o ano no que a Rede Museística Provincial de Lugo terminou de sementar e regar o que acontecerá neste 2024, no que a provincia vai ser o centro mundial da educación para traballar os dereitos culturais, contando con universidades e museos de todo o mundo.
Hai anos que a RMPL organiza online un módulo formativo con latinoamérica no que se avalía a repercusión na comunidade das actividades que promoven os museos. Máis de 400 persoas traballan así nun plan de avaliación en museoloxía social. O encontro se xullo deste 2024 simboliza esa forma de traballo.
“A Rede Museística Provincial representa mellor ca ningún outro dos museos cos que estamos traballando ese enfoque de museoloxía social, sustentabilidade social e o poñer o foco nesas narrativas olvidadas e invisibilizadas, nas persoas con dependencia, as mulleres rurais, os coidados,…”, asegura Cosme J. Gómez Carrasco da Universidade de Murcia, promotora do proxecto.
Ademais das xornadas que se desenvolverán en xullo, publicarase un libro sobre o proxecto e seguirase traballando para consolidar esa visión do patrimonio desde as identidades culturais e os dereitos culturais, “Queremos poñer o foco na orixe das desigualdades para poder plantear un futuro baseado nos valores democráticos. Facémolo cunha perspectiva colaborativa entre museos, profesorado de secundaria e a universidade. A clave é esa colaboración, non estar de costas uns a outros, se non colaborar, coa investigación que nos permite plantexar resultados da efectividade das implementacións”, apunta Gómez Carrasco.
En definitiva, utilizar os contidos dos museos para traballar a educación en valores e o patrimonio para defender os valores culturais. Sempren desde a museoloxía social “que xera pequenas revolucións ao conseguir un espírito crítico nas persoas”, puntualiza Encarna Lago.
VISITA