O PSdeG-PSOE aspira a revalidar mandato en Trabada cunha candidatura liderada por Mayra García Bermúdez e protagonizada polas mulleres, que ocuparán sete dos nove postos da lista.
Julia María Barcia Fernández (2), Rubén García Freije (5) e Alicia Yanes Maseda (9), edís do partido socialista na corporación, continúan na lista.
As principal novidade é a de Guadalupe Rego Rodríguez, que entra no posto 3, mentres que Suevia Reimonde Gasalla, que xa concorrera en 2015, sube ao posto 4.
Rosa María Pérez Prieto (6), Pablo González Lastra (7), Laura Gómez Carballo (8) e José María Barcia Fernández, suplente, completan a candidatura.
García Bermúdez remarca que sete persoas repetiron con respecto a 2015 e Rego, González Lastra e Gómez Carballo “son os tres veciños que se suman, co que damos así protagonismo ás persoas empadronadas no noso Concello e que forman parte do noso día a día; co único obxectivo de entre todos seguir impulsando Trabada e continuar esta transformación iniciada fai catro anos”.
APOSTA POLOS SERVIZOS PÚBLICOS
A rexedora e candidata dos socialistas asegura que desde o goberno local “puxemos en marcha moitos dos servizos públicos que este Concello demandaba”.
Así, no tocante aos maiores, destaca a apertura da residencia e programa de transporte gratuíto. Respecto ás parellas xoves e crianzas, sinala que “para promover a conciliación laboral e familiar establecemos programas durante todo o ano e realizamos as obras do punto de atención á infancia que poñeremos en marcha no vindeiro curso”.