O acordo plenario ante a situación xerada por Piveri non satisfai a todos os afectados

O presidente da Asociación de Afectados polas Louseiras do Río Baos calificou a declaración institucional como unha "manobra política" do goberno municipal

Vista da louseira de Piveri S.L. en Veira do Río, sen actividade desde hai quince días. AXM

Os tres grupos políticos con representación municipal en Mondoñedo (PP, BNG e PSdeG) acordaron este martes unha declaración institucional en relación á situación xerada polas louseiras da empresa Piveri, S. L. en Lindín e Santa María Maior.

O documento -presentado ao Pleno polo goberno local- recolle o compromiso do Concello de “persoarse en todos os procesos que estean en marcha ante as administracións para a restauración dos terreos afectados”, así como de “axilizar os expedientes iniciados para a reparación dos camiños públicos”.

O texto -asinado polos voceiros dos tres grupos municipais e mais pola Alcaldesa, Elena Candia– refírese tamén aos afectados polo impago das expropiacións e aos traballadores, aos que se ofrece a “colaboración e posta a disposición de todos os medios” que a administración local lles poida proporcionar.

REACCIÓNS

A declaración saída do Pleno municipal non cumpriu coas expectativas de todos os afectados, que cuestionan a súa eficacia de cara á resolución das distintas problemáticas suscitadas polo “desmantelamento” das louseiras.

A voz máis crítica foi a do presidente da Asociación de Afectados polas Louseiras do Val do Río Baos, Manuel Baña, quen calificou a declaración como unha “manobra política por parte do goberno municipal que” -dixo- “nos quere utilizar”.

“Esperabamos que a alcaldesa nos dera explicacións sobre como están os procedementos contra a empresa e, en lugar diso, atopámonos cun documento que non resolve nada, e que acabará nun caixón, como sucedeu cos requerimentos e denuncias que presentamos ata agora”, explicou Baña, un dos afectados polas expropiacións, aínda sen cobrar.

A empresa non compareceu no acto de pagamento convocado para o pasado venres, o segundo nun mes

“A nosa preocupación vai máis aló do pago das indemnizacións; tamén urxen solucións para os estragos nas vías públicas e no resto da contorna”, continuou o presidente da plataforma veciñal.

As críticas á declaración institucional tamén chegaron desde En Marea -sen representación na corporación municipal-. O seu voceiro, Manuel Germade, referiuse ao documento como “unha tomadura de pelo” xa que, lembrou, “hai expedientes sen calificar e sen tramitar desde 2015”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here