InicioEconomíaAs visitas ás Covas do Rei Cintolo aumentan un 34% en agosto

As visitas ás Covas do Rei Cintolo aumentan un 34% en agosto

O incremento de visitantes no Castelo do Castro de Ouro, do 30%, confirma o crecente tirón do interior mariñao

Publicada o

- Advertisement -

O mes de agosto confirma o seu tirón turístico na Mariña. As cifras rexistradas nas oficinas de turismo de Ribadeo, Viveiro, Burela ou Foz constatan o repunte de visitas do mes que acaba de rematar con respecto a xullo. O número de consultas dobrouse nas primeiras, e multiplicouse por seis no caso da localidade focega coas praias como reclamo máis salientable.

O balance estival  ratifica o  atractivo destes concellos do litoral mariñao –que , en xeral, ofrecen cifras similares ás de xullo e agosto do ano pasado- pero engade datos que amosan un interese crecente por elementos do patrimonio natural e cultural do interior da comarca como as Covas do Rei Centolo, en Mondoñedo, ou o Castelo do Castro de Ouro, en Alfoz.

COVAS DO REI CENTOLO

Un dos puntos con maior capacidade de atración foron as Covas do Rei Centolo que neste mes de agosto rexistraron un aumento de visitas do 34% en relación co 2017, cun total de 569. Trátase da mellor cifra do mes de agosto na década, desde o 2009.

é o mellor rexistro neste mes desde 2009 e o incremento acumulado dos visitantes á cavidade no 2018 é do 17%

O monumento natural destaca no “balance positivo” que fan desde o concello do periodo estival.  A oficina de turismo de Mondoñedo atendeu nos meses de xuño, xullo e agosto a unhas 12.100 persoas, o que supón un incremento do 3% con respecto ao ano pasado. No mes que vén de rematar, foron 6.760 visitantes, pero en cifras interanuais o maior incremento de consultas rexistrouse no mes de xuño, cun aumento do 12%.

CASTELO DE CASTRO DE OURO

O Castelo do Castro do Ouro rexistrou 6.000 visitas nos meses de xullo e agosto, un 30 % máis que en 2017. A Área de Cultura e Turismo do concello de Alfoz contabilizou daquela algo menos de 4.000 visitas á fortaleza, reaberta no mes de marzo de 2016.

Ata o 16 de setembro, o castelo permanece aberto de martes a domingo de 11 a 14 e de 17 a 20 horas

Desde o concello destacan a afluencia de público que tiveron as distintas actividades que dinamizaron o entorno do Castelo como o concerto de saxofón, a baixada de carrilanas, o maratón de pintura ou o ciclo Teatro no Castelo.  No entanto, foi o Mercado Medieval o que atraeu más visitantes ao monumento, con 2.300 entradas.

RIBADEO

Ribadeo mantén a súa posición de liderado en canto ao número de visitantes entre os concellos da Mariña.  Máis de 41.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo do centro da localidade e da praia das Catedrais durante o mes de agosto, segundo as cifras ofrecidas pola concellería de Turismo.

Son uns 6.000 visitantes máis que en agosto de 2017, o que equilibra a cifra de turistas do período estival tras o descenso rexistrado en termos interanuais no mes de xullo. En total, nos meses dous meses fortes do verán, o municipio ribadense recibiu 65.900 persoas.

en ribadeo, que recibiu a 65.900 persoas, destaca a subida do turismo organizado, con 95 grupos

Segundo o consistorio, a ocupación hostaleira durante o verán rondou o 92%. A concelleira, Ana Martínez, fixo un “balance positivo” dos datos e sinalou a importancia das iniciativas postas en marcha desde a Oficina de Turismo como “o itineario xeolóxico por Piñeira, a xeoruta dos Ollos ou a ruta do Percebe”.

VIVEIRO

A Oficina de Turismo do Concello de Viveiro recibiu unhas de 22.900 visitas durante os meses de xullo e agosto. -8.500 en xullo, e 12.500 en agosto, o que o converte no municipio coa distribución temporal de visitantes máis homoxénea. Os datos globais indican ademais un incremento de case un 20% na comparativa interanual de consultas en xullo.

A estancia media dos turistas na localidade viveirense ronda os seis ou sete días

Dacordo cos datos do concello, os sitios máis visitados dentro do municipio son o casco histórico, San Roque, as praias, o  Souto da Retorta e o Pozo da Ferida.

FOZ

O concello de Foz rexistrou unhas 14.850 consultas na Oficina de Turismo nos meses de xullo e agosto. A maior afluencia concentrouse o mes pasado, con 12.800 visitas ao punto de información.

As cifras supoñen unha caída do 15% dos visitantes en canto ao balance interanual xa que, no mesmo periodo do 2017, os datos rondaban as 18.000 consultas. No entanto, a Basílica de San Martiño de Foz mantén o seu tirón, e as visitas cífranse nunhas 13.450 persoas.

O alcalde focego, Javier Castiñeira, ofrecía na véspera da Festa Normanda datos relativos ao consumo de auga no concello, asegurando que  “entre 25.000 e 30.000 persoas” estaban a empregar a traída municipal neses días, triplicando a poboación habitual do concello.

BURELA

Unhas de 4.000 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Burela en agosto, segundo o concelleiro do ramo, Ramiro Fernández, quen fixo “unha valoración positiva dos datos” ao tempo que subliñou que a “ocupación hostaleira nas tres primeiras semanas do mes foi do 100%.

Máis de 1.100 persoas realizaron a Ruta da Lonxa, estreada este verán en Burela

Os visitantes rexistrados o pasado mes súmanse aos 2.000 que pasaron pola oficina en xullo, e supoñen un incremento interanual que ronda o 12% -3.500 visitas en 2017-. Dos turistas que se achegaron a localidade burelá, 1.500 subiron ao Barco Museo Reina del Carmen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...