O Concello de Tapia de Casariego sacou a concurso a xestión do albergue de peregrinos municipal, que ata agora xestionaba de forma directa. O goberno local xustifica a decisión no aumento do número de usuarios e na necesidade de mellorar a calidade do servizo.
O anuncio de licitación fixa un canon mínimo de 2.500 euros para a adxudicación do contrato, dun ano de duración e prorrogable por dous máis. O concesionario deberá manter as instalacións abertas durante alomenos once meses ao ano e encargarse da súa limpeza e mantemento, ademais de recibir e atender directamente aos peregrinos, que agora recollen as chaves na oficina de turismo da vila.
O prazo para a presentación de ofertas por parte dos interesados abriuse o pasado 14 de maio e pecharase o vindeiro día 24, ás 14.00 horas.
3.000 VISITAS O ANO PASADO
O albergue, un edificio de titularidade municipal de dúas prantas que conta 30 prazas de aloxamento, está situado nun lugar privilexiado, sobre a praia de Represas, na entrada da vila para os peregrinos que percorren o Camiño de Santiago. O ano pasado recibiu preto de 3.000 visitantes de diferentes países.
A vila tapiega é un lugar de paso do chamado Camín Bello, unha bifurcación do Camiño Norte que permite recorrer varios quilómetros a carón da costa, desde La Caridad ata a entrada a Galicia por Figueras e Ribadeo.