Acisa e Concello de Ribadeo instan aos donos de mascotas a recoller os excrementos

Os empresarios e o goberno local recibiron "queixas dos hostaleiros" pola suciedade na vila

Iriarte e Ermida xunto ao xerente de Acisa, Jesús Pérez (á esquerda), na presentación da campaña. AXM

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) e o Concello de Ribadeo iniciaron unha campaña de concienciación veciñal para instar aos donos de mascotas a que cumpran coas obrigas de recoller excrementos e de poñerlle aos animais correa ou bozal, no caso de tratarse de razas perigosas.

O colectivo de empresarios ribadense está a repartir carteis entre os seus asociados co lema: ‘can, correa e bolsa‘. O presidente da Acisa, Francisco Iriarte, sinala que “a hostalería e o comercio están enfadados e recibimos queixas de que non se apañan os excrementos na rúa”.

Así, a intención da campaña é “concienciar á veciñanza de que Ribadeo debe estar o máis limpo posible”.

Pola súa banda, a edil de sostibilidade ambiental, Paz Ermida, sinalou ao respecto que “hai unha ordenanza municipal que regula todos estes temas, que non se está aplicando ao cen por cen e non se está a levar a cabo con toda a eficacia que nos gustaría”.

USO DE CORREAS E BOZAIS

Sobre os cans de razas perigosas, a concelleira reivindica o uso do bozal e lembra aos donos que “todos temos unhas obrigas, especialmente cando estamos na rúa e temos que convivir con outros veciños”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here