Un roteiro turístico porá en valor os recursos históricos e naturais das parroquias ribadenses de Ove, Covelas, Arante, Cedofeita e Vilausende.
O Concello de Ribadeo instalou sinais direccionais no itinerario, que se coñecerá como ‘Camiño do Encanto’, e completará as indicacións con sinais e paneis informativos nos puntos de interese do percorrido.
O ‘Camiño do Encanto’ atravesará as parroquias de Ove, Covelas, Arante, Cedofeita e Vilausende
As vistas panorámicas sobre a ría desde os miradoiros de Santa Cruz, Madanela e Lourido son parte dos atractivos da ruta na que os visitantes atoparán tamén referencias a outros elementos do patrimonio cultural que “durante moitos anos quedaron esquecidos”, segundo sinalou a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez.
O itinerario seguirá un percorrido circular con saída e chegada na vila de Ribadeo
Así, o roteiro conduce os visitantes pola igrexa de Covelas, pola capela da Nosa Señora das Virtudes, na que se celebra a romaría das Cruces e que garda unhas valiosas pinturas murais, polos pazos de Cedofeita e Quitalonga, pola casa indiana do Agrelo ou polos petróglifos podomorfos das Pisadas do Encanto.
TURISMO DE INTERIOR
Martínez explicou que o roteiro pretende ampliar a oferta turística do concello, que ten como principais reclamos a praia das Catedrais e a vila.
“Con este itinerario queremos empregar a riqueza do interior como estratexia diferenciadora de cara a consolidar o turismo de interior como unha alternativa diversificadora da economía local e dos fluxos turísticos, empregando como fío condutor o patrimonio diferencial presente no corazón de Ribadeo”, indicou a concelleira.