Os residentes no Hospital Asilo e no Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo recibiron hoxe a terceira dose da vacina contra o covid19. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que en breve se poidan ir normalizando os réximes de visitas e que a vida cotiá se pareza o mais posible a como era antes da chegada da pandemia.
O rexedor lembrou que o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron recentemente ampliar o grupo de persoas ás que administrar unha terceira dose de reforzo da vacina contra o covid19, entre elas, aos usuarios das residencias da terceira idade. “Por iso no día de hoxe esta terceira dose acaba de ser administrada aos usuarios residentes das dúas residencias que temos en Ribadeo: o Centro de Atención a Persoas Maiores e o Hospital Asilo de San Sebastián en San Lázaro”.
Suárez Barcia manifestou que “desde o Concello de Ribadeo queremos expresar a ledicia que nos supón que estas dúas residencias sexan das primeiras en recibir esta terceira dose de reforzo”. O alcalde remarcou que quedou perfectamente demostrada a eficacia das vacinas e que “a ciencia é e será quen nos axude a combater esta pandemia”.
