A nova edición de A Mariña en Ruta, que rematou no Vicedo o pasado sábado, acadou de novo datos moi positivos. Así se desprende dos datos desta edición e das enquisas ás que responderon parte das 219 persoas que gozaron das andainas durante os meses de outubro, novembro e principios de decembro. O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, agradece o apoio das administracións para levar adiante este proxecto un ano máis, os esforzo dos profesionais implicados e tamén a participación nesta iniciativa.
O pasado sábado, 4 de decembro, A Mariña en Ruta levou ao grupo completo de Camiñando entre volcáns a descubrir a praia de San Román, no Vicedo. Foi un itinerario guiado polo xeólogo Franciso Canosa que amosou e axudou a comprender a formación xeolóxica desta zona. Unha xornada na que os participantes subiron por rochas ou achegáronse a covas nos impresionantes cantís da praia, formados algúns deles polos diferentes materiais que se atopaban no fondo dun antigo océano.
Ademais do coñecido Ollo de Sapo, característico polos cristais de cor azulada que ten no interior e que recordan a este animal, víronse as pegadas da formación volcánica que se estendía dende o Norte de Galicia ata Guadalajara, case 600 kilómetros de lonxitude, fai aproximadamente 470 millóns de anos. Finalmente, foi posible apreciar un exemplo de tómbolo na parte norte da praia e comprobar a acumulación de imáns naturais que se depositaban, posibles causantes do varamento de grandes mamíferos mariños nestas zonas.
Esta ruta polo Vicedo foi a última deste programa de actividades en torno á cultura e á natureza promovido pola Mancomunidade de Concellos, co apoio da Xunta de Galicia para a súa coordinación e execución e da Deputación de Lugo para a promoción en medios. “A Mariña en Ruta dotou ao xeodestino durante esta edición dunha oferta turística complementaria suxerinte e ao aire libre co obxectivo de axudar na dinamización da comarca durante o outono e provocar, ademais de que a propia poboación local puidese descubrir mais aspectos sobre a súa comarca, escapadas de turismo interno de Galicia e das comunidades autónomas próximas axudando na reactivación do turismo fóra de tempada nesta época marcada pola covid19”, subliñou o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto.
Esta edición, coa colaboración para a súa coordinación e execución da empresa de turismo activo Volta Montana, veu supoñer a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía da Mariña Lucense a través de 10 roteiros que se realizaron durante os meses de outubro, novembro e principios de decembro nos concellos de Trabada, Burela, A Pontenova, Riotorto, Barreiros, Lourenzá, Viveiro, O Vicedo, Xove, Mondoñedo e Alfoz. “Dez roteiros que invitaron a coñecer a riqueza dos concellos nos que se desenvolveron, , coma acontecera o ano pasado, da man de guías locais e experimentados no territorio coma: Pedro Rolle, Guido Álvarez, Boris Vilar, Lidia de la Fuente, Sofía López, Claudia del Pino, Noela Feal, David Fernández ou Fran Canosa”, segundo indicou a axente de Desevolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida.
Cajoto dixo que o ano pasado, cando tiveron lugar as primeiras edicións de A Mariña en Ruta, o programa foi un éxito grazas ao formato que se adaptaba perfectamente á situación derivada pola Covid19 sendo do mesmo xeito este ano. Todo isto grazas a un equipo de profesionais que se conformou “e soubo estar á altura e tamén pola resposta tan boa da xente”. Todo isto propiciou esta nova edición, “que volve recoller eses bos datos, con 6 dos 10 roteiros completos”, e tamén algunhas suxestións para a súa mellora das que dende a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense “se vai tomar boa nota coa finalidade de seguir mellorando o proxecto para futuras ocasións”.
Realizando unha análise xeral das enquisas desta edición foi posible coñecer que o 100% dos participantes que responderon á enquisa de satisfacción repetiría a experiencia, o 100% cree que debería ter continuidade no tempo, o 100% considera que dinamiza a oferta cultural da Mariña Lucense e o 100% recomendaría a experiencia a outra persoa. Tania Hermida explicou que a valoración xeral dos roteiros foi moi boa cunha nota media de 9,15 puntos sobre o máximo de 10.
A puntuación media para os roteiros foi de 8,77, a dos guías 9,22, a organización 9,22 e a iniciativa 9,4. A procedencia xeral dos participantes, dun total de 219 que acudiron ás rutas, céntrase en 5 provincias: Lugo (74,5%), A Coruña (15,7%), Madrid (7,9%), Ourense (1,06%) e Pontevedra (1,06%). Foron maioritariamente mulleres cun 59,9% fronte ao 40,1 % dos homes, cunha idade media de 52 anos, aínda que este dato abarca dende os 26 ata os 75 anos demostrando como o programa se adapta a unha tipoloxía de público de idades moi variadas. E en canto á forma na que a xente acudiu aos roteiros destacan as parellas cun 42,6%, seguido de grupos cun 31,7% e un 25,5% que o fixo só.