InicioOrientalRiotortoACISA Ribadeo lamenta as restricións da Xunta e que as axudas non...

ACISA Ribadeo lamenta as restricións da Xunta e que as axudas non chegan a toda a hostalaría

Desde a patronal de comerciantes e hostaleiros de Ribadeo lamentan as medidas adoptadas e a tardanza coa que se adoptaron.

Publicada o

- Advertisement -

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, indicou que “non somos alleos á situación que estamos a vivir en Ribadeo, Galicia e España, onde se está vendo como aumentan os casos positivos, pero non se poden tomar as mesmas medidas agora, que hai un ano. Tampouco somos alleos a que noutras comunidades optan por medidas menos restritivas cando estamos a tres días dunha das mellores noites do ano para a hostalería. Para os hostaleiros é moi complicado entender que, cunha menor presión hospitalaria que hai un ano, as medidas sexan practicamente iguais e afecten de novo e exclusivamente á hostalería e o teletraballo? e os grandes centros comerciais? e os colexios? Non, sempre é a hostalería. Se se optou por facer máis probas, liberar a presión dos centros de saúde que están sen persoal. Quizais nos librásemos destas medidas porque ao final pagan sempre os mesmos. Fálase mesmo de reducir as corentenas para non paralizar o país, pero aquí seguimos castigando aos mesmos”.

Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifestou que “é lamentable que a unhas horas da Noitevella fágase un peche encuberto da hostalería e que posteriormente se xere máis confusión con cambios que ás 00:00 horas do mércores non estaban claros aínda. Polo menos podían ter a consideración e o respecto polo sector de anunciar con antelación as normas. Cónstannos xa numerosas cancelacións de ceas en restaurantes, queixas de negocios porque xa tiñan os pedidos feitos, queixas dos distribuidores polas perdas que isto lles vai supoñer, cancelacións de festas en discotecas ou pubs con entradas vendidas. Que bar ou cafetería vai abrir de doce a unha da madrugada para dar consumicións? Non é rendible. Quen vai ir cear a un restaurante para ter que saír correndo á unha da mañá? Entendemos que a saúde é o máis importante, pero hai que conxugar mellor todo e tomar decisións con máis antelación para evitar males maiores”.

E engade: “sobre a decisión adoptada para o lecer nocturno para fin de ano é mellor non opinar. A decisión parécese máis a unha chantaxe que a outra cousa. Ou pechas e douche axudas ou abres e non ves un euro. E os que abran terán que facelo ata as tres da mañá, é dicir con moita sorte e tendo en cuenta os costumes da xente, nova e non tan nova, son dúas horas de traballo, a que negocio sáelle rendible iso? Polo menos tiveron a deferencia de deixar abrir ata as tres da mañá o resto de días. É certo que se contemplan axudas, e agradécense, como e cando as cobrasen os que as pidan verase… pero antecedentes son malos. Soa moi ben dicir que ás grandes salas daránselle ata 45.000 euros cantas discotecas hai en Galicia desa categoría? E o resto da hostalería que llas arranxe como boamente poida non? Para os que van deixar de dar churros ou cafés pola mañá o día 1 ou para os bares e restaurantes que teñen que pechar ás 00:00 horas ata o 18 de xaneiro non hai nin propina. Parece que desde a Xunta esquécense da gran parte do sector, que vai perder ceas, o uso das barras… e por tanto boa parte da súa capacidade de traballo. Esa parte da hostalería tamén necesita de axudas”.

Iriarte Quintana engade: “estas son as normas, non nos gustan e non as compartimos, pero debemos pedir por responsabilidade que se cumpran. Especialmente o uso de máscara, a solicitude do pasaporte covid e os horarios, para recuperar canto antes a normalidade que tiñamos e que os contagios non sigan subindo. E por favor, a mozos e non tan novos, xa que nos limitaron a capacidade de traballo, non fagamos festas ilegais en casas e garaxes. Xa que o lecer nocturno de Ribadeo optou polo peche, que non sexa un sacrificio de balde. Tamén pedimos a colaboración da cidadanía, os hostaleiros non son policías, tentemos entre todos que non teñan que ser eles os que nos pidan o certificado de vacinación, os que nos manden poñer a máscara, os que nos boten das barras, responsabilicémonos entre todos. Así todo será máis fácil”.

Pérez Prada apuntou que “á hora de emitir este comunicado 4 dos 5 establecementos de lecer nocturno ribadenses O Muíño, Manhattan, Discoteca Rosalar e Ribanzo comunicáronnos que permanecerán pechados os días 30 e 31 de decembro e 1 e 2 de xaneiro, porque é inviable abrir nesas condicións. Por iso pedímoslle á cidadanía en xeral que eviten facer festas ou botellóns, lembremos que está prohibido. E aproveitamos para insistir aos veciños e veciñas doutros puntos da Mariña e de Asturias para que eviten a mobilidade e desprazamentos incensarios, xa que en Ribadeo non haberá lecer nocturno os días 30 e 31 de decembro e 1 e 2 de xaneiro. Esperámolos, como sempre, cos brazos abertos a todos o resto de días que queiran visitar Ribadeo para facer as súas compras, para comer, para cear ou para tomar algo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...