O Boletín Oficial do Estado publica hoxe as bases da convocatoria para a creación de varias prazas de persoal laboral fixo descontinuo no Concello de Ribadeo. Son 15 postos de socorrista, un xefe de equipo, tres técnicos de emerxencias e 5 de persoal de información turística. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días contados a partires de mañá. O alcalde, Fernando Suárez, destacou que Ribadeo é dos primeiros Concellos en aplicar a vixente reforma laboral.
O rexedor explicou que “no día de hoxe sae publicado no Boletín Oficial do Estado o anuncio para a convocatoria de prazas de laboral fixo descontinuo para un total de 16 socorristas para a época estival, deste ano e do futuro. O período de traballo son 2 meses e medio e o salario bruto por mes dos socorristas é de 1.326 euros e o do xefe de socorristas será de 1.530 euros”.
Suárez Barcia dixo: “ábrese agora un prazo de 10 días hábiles a partir de mañá para que todos os aspirantes poidan facer a solicitude para presentarse ás probas”.
O alcalde subliñou que “debemos dicir unha vez mais, que somos dos primeiros por non dicir o primeiro Concello en aplicar a vixente reforma laboral polo que tivemos que facer estables no tempo todas aquelas prazas de traballos que se viñan convocando con periodicidade, pero dun xeito estable, como neste caso son os socorristas. Agora, logo deste proceso, aqueles homes e mulleres que pasen estas probas, non terán que volvelas repetir para o vindeiro ano, pois serán precisamente iso: persoal municipal con carácter de laboral fixo descontinuo”.
E engadiu que “quixemos apurar todos os prazos previos, para que todo este persoal poida estar operativo para primeiros de xullo”.