InicioCentralFozO Campo da Cabana de Foz será onde se escolla este sábado...

O Campo da Cabana de Foz será onde se escolla este sábado á raíña do Entroido

O evento contará con máis sorpresas, “pero para descubrilas terás que acudir e formar parte da emoción do Entroido de Foz”, finaliza Inés López Couto.

Publicada o

- Advertisement -

A asociación O Noso Foz e o Concello preparan a celebración do próximo sábado no Campo da Cabana na que se elixirá democraticamente a próxima Raíña do Entroido de Foz entre tres candidatas.

A concelleira de Cultura, Ines López Couto, explica que “será raíña porque no período de presentación de solicitudes todas as recibidas foron femininas, polo que o actual Rei, Roberto Gómez, cederá a súa coroa no mes de febreiro, con total seguridade a unha muller. Inicialmente foron seis as solicitudes recibidas, mais finalmente, por motivos persoais, tres decidiron non optar á elección e serán tres as candidatas á prezada coroa. Son nomes moi coñecidos en Foz e no seu Entroido, que xa defenden a súa candidatura: Uxía Valmayor Forés, da comparsa Sin Xeito; Icía Fernández Gómez, da comparsa As Farangullas; e Lucía López Lombardero, da comparsa Maloserá. Todas teñen unha enorme ilusión de encabezar o desfile focense”.

Dende a Concellería de Cultura móstranse “moi optimistas para esta pequena celebración, aperitivo do próximo febreiro, no que esperamos seguir mellorando o Carnaval focense. Man a man coa asociación O Noso Foz prepárase a carpa que se situará no emblemático Campo da Cabana e que contará con servizo de bar e pulpería”.

O presidente de O Noso Foz, Ángel Fernández Neira, comenta: “rematadas as San Lucas, quixemos facer unha pequena homenaxe ás feiras e verbenas clásicas galegas, polo que haberá zona de mesas para comer pulpo, churrasco e incluso queixo con marmelo”.

O evento contará con xurado (cunha valoración cun peso do 40 por cento) e con votación popular (do 60 por cento). Para votar e acudir ao evento será necesario mercar as entradas, que se venderán o mesmo sábado no acceso á carpa a partir das 18.00 horas a un prezo de 2 euros, e nas que figurarán os nomes das aspirantes para poder exercer o dereito a voto. Comezará ás 20.00 horas cunhas pequenas probas coas que o público poderá valorar a vea carnavaleira das candidatas. Durante toda celebración unha vez finalizadas as probas Eventec poñerá a música. Despois da deliberación do xurado e do reconto dos votos, ás 12 da noite será anunciada a gañadora, que comezará a traballar para reinar no próximo Entroido focego. A festa continuará para quen queira seguir gozando.

Dende a comisión organizadora e o Concello recomendan “engalanarse co disfrace que todo o mundo prefira para dar cor e ánimo ás candidatas e ao outono focego”.

A comisión de festas ten outra novidade para este evento: saen á venda unhas camisetas conmemorativas dun dos días máis especiais do Carnaval de Foz, como é o Baile do Farolillo. O artista mariñán Davixino fixo un deseño que se estampa nunhas camisetas en tonos beis e gris e que se poderán mercar ou reservar na mesma caseta de venda de entradas ao prezo de 15 euros.

O evento contará con máis sorpresas, “pero para descubrilas terás que acudir e formar parte da emoción do Entroido de Foz”, finaliza Inés López Couto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...