InicioM.ambiente e PatrimonioRafa Quintía, antropólogo: "a vulnerabilidade do patrimonio inmaterial depende da vulnerabilidade do...

Rafa Quintía, antropólogo: “a vulnerabilidade do patrimonio inmaterial depende da vulnerabilidade do patrimonio material sobre o que se constrúe”

Rafa Quintía é antropólogo e estivo realizando unha primeira aproximación ao patrimonio inmaterial da comarca. O resultado deste traballo presentouno en Sargadelos o pasado venres día 21 de outubro nunha palestra onde debullou un resumo das actividades que levou adiante. Entre outros elementos, Quintía descubriu tanto historias como lendas que presentaban algunhas diferenzas con respecto a como se contan noutros lugares de Galicia. Todo o reunido espérase poder introducir no Catálogo de Bens Inmateriais de Galicia.

Publicada o

- Advertisement -

-Como levaches adiante o labor de recollida de patrimonio inmaterial na Mariña e cales son elementos que compoñen dito patrimonio?

O proxecto está promovido pola Asocación Mariña Patrimonio que me contactou por ser antropólogo para levar adiante a investigación. Realmente foi unha primeira toma de contacto, unha cata, para traballar sobre o patrimonio inmaterial dos concellos da Mariña, mesmo algúns limítrofes onde había elementos interesantes.Todo isto de cara a coñecer e detectar compoñentes de toda esa riqueza por prospectar e poder documentalo en vías dunha futura valorización. Ademais disto, tamén traballaremos na súa incorporación no Catálogo de Patrimonio Inmaterial da Xunta de Galicia ademais da catalogación e inventario destas pezas inmateriais. Este labor centrámolo sobre todo no ámbito das tradicións e transmisións orais, historia oral, mitoloxía, lendas e relixiosidade popular, santuarios, fontes, medicina popular, lugares relacionados coa curación e todos eses espazos vinculados aos rituais, actos festivos e aos actos sociais. Basicamente eses foron os que traballamos porque tamén buscabamos a vinculación deste patrimonio inmaterial a elementos materiais como santuarios, pedras, xacementos ou fontes. Fixemos traballo de campo nos concellos de Ribadeo, Barreiros, Cervo, Xove e Viveiro. Tamén fomos até o Concello de Trabada pois había elementos relacionados con outros xa documentados na Mariña.

O labor centrámolo sobre todo no ámbito das tradicións e transmisións orais, historia oral, mitoloxía, lendas e relixiosidade popular

-Cal foi a metodoloxía para a recollida de tradicións orais?

Nestes concellos fomos falando coa xente, recollendo a memoria oral e intentando encontrar eses lugares asociados a estas crenzas e prácticas. Así recollemos por exemplo, xeografías míticas, é dicir, lugares asociados a lendas e crenzas mitolóxicas. Algúns deses lugares eran penedos, outros eran bens arqueolóxicos, outros teñen relación con ermidas, santuarios e espazos naturais. Un exemplo, se falamos do Concello de Barreiros temos a tradición da cidade afundida de San Miguel de Vilachá, noutros lugares este mito está vinculado a unha capela, como a de Santa Eufemia en Cervo. Esta última ten unha serie de mitos fundacionais moi interesantes como son os curativos cunha fonte milagreira. Outro caso é Santo Estevo do Ermo en Barreiros, que ten fontes curativas, lendas e un santuario coa súa historia. E así foi como recollemos diferentes elementos que teñen relación con todo ese mundo. En Xove encontramos ritos esconxuradores do mal de ollo que se facían en encrucilladas de camiños nas aldeas. En definitiva, un mundo moi diverso, uns vinculados a elementos máis monumentais ou patrimoniais, como San Tirso de Portocelo en Xove e outros con espazos naturais, aínda que culturalmente construídos en base a estes relatos e esta cosmovisión popular.

-Houbo tamén recollida de elementos como cantigas populares que ao mellor non se cantaban noutros lugares?

Non, aínda que si forman parte do patrimonio inmaterial. Mais esta primeira fase foi un proxecto limitado e para recoller máis elementos precisaríase dun apoio institucional, que son quen deberan investir en protección e investigación. Nesta primeira fase fixámonos naquel patrimonio inmaterial vinculado a lugares e a elementos patrimoniais concretos. Consideramos que era máis doado de cara a unha incorporación ao Catálogo de Bens Inmateriais. As cantigas están dentro da musicoloxía e non teñen por que estar ligadas a ningún punto. Ás veces, isto é importante, a vulnerabilidade deste patrimonio inmaterial depende da vulnerabilidade do patrimonio material sobre o que se constrúe. Unha pedra ten valor porque está relacionada a estas tradicións ou lendas. Se falamos do Pedrón do Souto da Veiga, en Ribadeo, ten importancia polo mito e polas historias, mais a pedra en si non é un elemento arqueolóxico, non é un elemento catalogado, por tanto, se non se coñece este patrimonio inmaterial asociado, un día poden levar por diante a pedra e destruíla e non pasa nada. Así, no momento que destrúen o soporte físico da lenda ou tradición estes últimos tamén van desaparecer. Iso foi polo que nos interesamos primeiramente por elementos intanxibles vinculados a espazos naturais e elementos máis concretos.

En Xove encontramos ritos esconxuradores do mal de ollo que se facían en encrucilladas de camiños nas aldeas

-Encontraches diferenzas notables entre lugares sobre unha mesma tradición ou lenda?

Se houbese grandes diferenzas estariamos de culturas diferentes. Estamos en Galicia e por tanto temos unha cultura común e cada unha ten as súas particularidades, por tanto é normal que toda esa cosmovisión sexa común, con crenzas relacionadas con crenzas, fontes milagreiras ou santuarios e mitos similares, mais cada lugar ten as súas particularidades. Por outra parte, entrando no Concello de Trabada encontrei unha singularidade sobre os mitos da Moura, neste caso sobre a Vella, que non teño documentando en ningún outro lugar de Galicia. Neste caso a Vella, un dos aspectos da Moura, vai levando megalitos ou pedras grandes mentres come castañas asadas ou cocidas, algo moi significativo. Iso que parece algo miúdo ou de escaso interese, só o encontramos aquí nesta zona. Na praia da Balea, en Barreiros, está a tradición de recoller os “ollomaos”, unhas cunchas que son usados como amuleto. Isto dase noutros lugares como Arteixo, mais nas Rías Baixas non existía esa tradición, aínda viñan desde as Rías Baixas buscalas á Mariña. Por tanto hai particularidades interesantes e lendas concretas dun lugar.

-E a lenda máis particular que chamou a túa atención?

Pois o desta Vella que constrúe estes penedos, como a Pena Verde que marca as lindes entre Trabada, Ribadeo e Barreiros. Outras lendas tamén relacionadas coa Moura, como son as Pisadas do Encanto, onde as persoas poden interpretar que as pegadas sobre a pedra son algún encanto. Tamén están as lendas de San Tirso de Portocelo sobre santos que veñen en barcas de pedra. Hai lendas e historias relacionadas con grandes pedras de seixo, un elemento interesante a nivel simbólico e aquí encontramos varias relacionadas con este mineral.

entrando no Concello de Trabada encontrei unha singularidade sobre os mitos da Moura, neste caso sobre a Vella, que non teño documentando en ningún outro lugar de Galicia

-Como calificarías o resultado final desta primeira cata ou achegamento ao legado inmaterial da comarca?

Moi positivo, moi rico, diverso e con temas interesantes e inéditos, con outros xa existentes noutros lugares mais con novos matices. Xa contaba coa riqueza que ten a Mariña en patrimonio artístico e arqueolóxico, por iso intuía a presenza dun patrimonio inmaterial marabilloso. Mesmo nos contaron unha lenda no Concello de Barreiros sobre a fundación dunha capela que entronca directamente cos mitos gregos. Véxolle un grande potencial ao que recollemos neste primeiro ano de contacto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...