InicioCulturaAdrián Canoura, cineasta: "O audiovisual é un mundo que pode ofrecer...

Adrián Canoura, cineasta: “O audiovisual é un mundo que pode ofrecer moitas vías e por aí vou navegando”

Adrián Canoura naceu en Burela e os camiños da vida levárono por vías cinematográficas. O seu traballo é cualificado como "experimental" por uns ou "surrealista" por outros. En tal caso, o traballo que leva realizado desde hai uns anos percorreu diversas áreas, mais sobre todo centrándose no vídeo musical. Aínda así, realizou e realiza outro tipo de estilos cinematográficos que, como el di, poderán saír en breve.

Publicada o

- Advertisement -

-Sobre a túa participación nos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística, Palestra “Arrim-Arte”, explícanos cales foron os nexos que te uniron á participación neste encontro?

Contactáranme a comezos do verán desde o Consello da Cultura Galega (CCG) para explicarme que farían varias mesas de debate. A mesa onde participaba eu estaba máis centrada na relación entre a arte coa lingua. Colleron tres perfís, un máis literario como Alba Cid, cinematográfico con Ángeles Huerta e a min por estar vinculado coa vídeocreación e a música, supoño que por Baiuca.

-Aínda que a túa formación se centrou no audiovisual, tocaches outras modalidades artísticas?

Desde que acabei os estudos, a miña carreira profesional estivo estivo ligada ao cinema e ao vídeo, con aproximacións á música como apoio visual en concertos ou vídeoclips e logo pola parte máis cinematográfica. É un mundo, o audiovisual, tal como lles expliquei, que ten diversas caras. Tal como se desenvolva cada etapa ten máis posibilidades co vídeo, coa música, coa creación experimental e outras veces máis próxima ao cinema. Digamos que vou navegando.

-Aínda así terías unhas ideas marcadas cando decidiches seguir este camiño profesional.

Ideas concretas, difícil. O mundo do audiovisual en Galicia non é precisamente un piar moi sólido. Cando comezas a estudar vas con ese romanticismo e as ideas sobre o cinema de chegar a filmes ou á TV. Logo ía pasando o tempo e mentres estudaba participei en proxectos, rodaxes, programas de TV e a partir de aí podes ir enxergando por onde irá o teu camiño. Despois de participar en proxectos máis clásicos e académicos vin novas vías e alternativas no audiovisual grazas a amigos que tocaban en bandas ou xente que traballaba no cinema máis experimental. Sobre isto, lembro unha conferencia do director Marcos Nine que a min me abriu a posibilidade de ver un cinema máis alternativo. Nine é unha persoa que traballa moito a montaxe e para min foi descubrir un mundo novo e divertido que me gustou explorar. Así foi como me acheguei á vídeo creación en directo sobre todo con “Baiuca”.

o audiovisual ten diversas caras. Tal como se desenvolva cada etapa ten máis posibilidades un estilo ou outro na túa carreira

-Pódese vivir da vídeocreación ou do audiovisual tal como a ti che gusta facela?

Difícil pregunta. Si, penso que si, mais debes combinar diversas frontes. Con “Baiuca” é un proxecto que ten moita presenza e está indo moi ben, permite ter un volume de traballo constante todo o ano e ao mesmo tempo éme posible realizar proxectos alternativos e cousas autorales que a min me interesa. Mais traballar nun único estilo ou segmento é moi difícil. Hoxe en día hai moita demanda de vídeoclip, hai unha gran proliferación de bandas en moitas partes e iso crea unha demanda e a partir de aí dispárase un interese que pode abrir oportunidades. A miña experiencia persoal é ir combinando varias cousas.

-Durante o vídeo para o CCG, mencionaches as túas referencias dentro do audiovisual ademais de referencias pictóricas. Nas primeiras falaches de Eugenio Granell, por exemplo. Hai outros referentes a maiores?

Coñezo a figura de Carlos Velo e é unha figura moi importante na historia do cinema galego. Mais as imaxes que gravei para o CCG foron unha cousa moi rápida, non me permitiu pararme moito en recordar moitas figuras relevantes.

-Da túa exploración sobre autores como Granell ou Velo, que elementos incorporaches ao teu traballo e a forma de elaboralo?

Na formación non sei, mais puiden quedarme coa referencia estética que foi o motivo de mencionar a Granell, os filmes de celuloide abstracto, como se fose unha pintura cinematográfica. O cinema non ten en Galicia unha pegada forte até hai moi poucos anos. Encontrar referentes fóra do común ou do comercial ou ver referencias fóra do experimental é máis difícil de encontrar antes dos anos noventa. Carlos Velo fixo un percorrido cinematográfico moi concreto, o mesmo que Chano Piñeiro cuns filmes máis de ficción.

Hoxe en día hai moita demanda de vídeoclip, hai unha gran proliferación de bandas en moitas partes e iso crea unha demanda

-Nalgúns traballos deixas ver as túas orixes como “Escamas, Sangue!”. Cando presentaches este filme cales foron as opinións que ías recollendo do público, había moito tópico sobre “a Galicia mariñeira”?

En concreto “Escamas, Sangue!” é un documentario que fixemos un amigo, Breixo Llano, e eu. Foi recoller a historia da Guerra do Bonito acaecida durante os 90, foi o noso primeiro traballo mentres aínda estabamos estudando. O percorrido de presentalo por festivais non tivemos, fixémolo máis pola zona e logo non houbo máis referencia. Logo gravei outro, máis experimental, cuns tíos meus, que non cae tanto nunha historia vertebrada documental. Ao mellor nunca caeu nese tópico da “Galicia mariñeira”.

-A día de hoxe que proxectos tes en marcha e quererías ver xa finalizados?

Estou cun traballo sobre o Gran Sol, levo varios anos con el desde que fun gravar. Tamén está a relación co meu pai, pois el gravaba as campañas de pesca no Gran Sol durante os 80 e 90. Curzouse no medio a COVID e estes traballos experimentais ten a súa dificultade en canto fondos e unha estrutura se non te dedicas por completo a eles. Digo isto porque polo medio houbo máis proxectos. Agora si lle estamos un impulso que é o meu produtor, Brais Romero, e estamos buscando as novas vías de desenvolvemento para o que vai ser unha longametraxe. Sería o proxecto cinematográfico máis próximo que teño para finalizar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...