InicioOccidentalXoveO xacemento de San Tirso de Portocelo, unha historia desde a Idade...

O xacemento de San Tirso de Portocelo, unha historia desde a Idade de Ferro até o século XXI

O conxunto arqueolóxico de San Tirso de Portocelo, en Xove, reúne nun espazo espazo reducido retrincos da Historia que van da idade do Ferro a practicamente os nosos días. O xacemento é un conxunto de castro marítimo nun primeiro estrato, restos dun convento da Alta Idade Media que co tempo acabaron sendo igrexa parroquial até 1929, cando se traslada a celebración da eucaristía a outro espazo relixioso. Lucía Sánchez Meitín, antropóloga e traballadora do Concello de Xove e o arqueólogo David Fernández Abella, explícannos detalles deste espazo único que, a dicir dos dous, aínda pode gardar máis elementos históricos.

Publicada o

- Advertisement -

Lucía Sánchez Meitín traballa no Concello de Xove, é antropóloga e traballadora no Concello de Xove. Coautora de publicacións relacionadas coa vida e persoas do municipio xovense, as súas investigacións antropolóxicas conducírona a profundar máis no pasado do seu lugar de nacemento e onde reside actualmente.

-Cal foi o detonante para que o conxunto de San Tirso tivese unha intervención arqueolóxica? Que elementos etnográficos o envolvían para espertar interese sobre este lugar?

En primeiro lugar, contábamos cunhas ruínas visibles: as da antiga capela de San Tirso, que funcionou como igrexa parroquial ata 1929. Isto permitiu que o lugar non se esquecera en ningún momento ata os nosos días. Despois, o gran descubrimento do testamento do Diácono Rodrigo de Coimbra, que sitúa neste lugar un mosteiro dúplice creado por el no século VIII. Todo isto, unido á catalogación dun xacemento da Idade do Ferro no mesmo espazo, dota ao lugar dun interese sobresaínte polo extenso arco temporal da súa ocupación, e por tódolos datos que pode ofrecernos acerca da nosa cultura e historia. San Tirso é un recurso importante tanto para o estudo científico, como de interese cultural e turístico para Xove e A Mariña.

-Houbo unha recollida de mitos, lendas, supersticións e ritos vinculados ao lugar e cales máis destacables (por que razón)?

En tódolos estudos arqueolóxicos comézase previamente cunha análise da toponimia e tamén dos mitos e lendas do lugar. As lendas e os mitos eran os medios de conservar a memoria e explicar a historia antes das grandes enciclopedias. En Galicia e noutros lugares, cando a ampla maioría da poboación non sabía ler nin escribir, a cultura conservábase e transmitíase oralmente. En San Tirso houbo unha recollida da toponimia da zona e das súas lendas. Destas últimas destacan dúas: a da barca de pedra, na que chegaron os restos do santo, e que aínda se pode ver hoxe na base do cantil cando baixa a marea. A segunda é aquela que conta que na illa de Sarón vivía un marqués moi devoto do santo que escoitaba misa na capela tódolos días. Un día fíxoselle tarde para regresar á illa e a súa barca volveuse de pedra.

o gran descubrimento do testamento do Diácono Rodrigo de Coimbra, que sitúa neste lugar un mosteiro dúplice creado por el no século VIII

-Como foi a relación entre a xente da parroquia de Portocelo co lugar?

Afortunadamente en San Tirso, a diferenza doutros xacementos, o espazo do castro foi aproveitado principalmente como zona agrícola, sobre todo con plantación de trigo. Isto propiciou que non houbera tanto estrago coma noutras zonas de explotación forestal. En canto á reutilización de materiais, con toda seguridade, moitas das pedras das vivendas do castro houberon pasar a formar parte do mosteiro posterior. Por pragmatismo e economía do esforzo, os membros da comunidade eclesiástica que se estableceu alí empregarían materiais xa feitos e en desuso. O mesmo que facían os habitantes das aldeas cando estas ían crecendo derriba dos castros, ou trasladándose co paso dos séculos a lugares máis prácticos para vivir.

-Coñécense os motivos do abandono da igrexa vella de San Tirso?

Sabemos por testemuñas, que abandonaron a igrexa vella porque era moi difícil xa o seu mantemento. Ademais, o sacerdote, que vivía na reitoral de Vilachá, queixábase de que lle levaba moito tempo percorrer o camiño ata a capela. Foi así que na década dos anos 20 do século pasado, o culto relixioso se trasladou á igrexa nova de Vilachá.

-Todo este traballo debeu ter unha determinada repercusión sobre o desenvolvemento tanto cultural, económico e social en Xove. É así?

Como dixemos antes, San Tirso ofrece un gran potencial para coñecer novos datos sobre as diferentes culturas que ao longo dos séculos habitaron o territorio galego. Estamos ante un lugar que pode aportarnos resultados moi interesantes a nivel histórico, científico e cultural. A singularidade do conxunto xa é un atractivo turístico en si mesmo, por atoparse no percorrido de tres grandes itinerarios (entre eles o Camiño do Mar de Santiago), ademais da contorna paisaxística da illa de Sarón, e da entrada á enseada de Portocelo.

Por pragmatismo e economía do esforzo, os membros da comunidade eclesiástica que se estableceu alí empregarían materiais xa feitos e en desuso

-Déixase sentir dalgunha maneira a presenza deste xacemento na atracción de visitantes e persoas que se achegan ata Xove?

A divulgación deste xacemento fixo aumentar enormemente o interese pola cultura de Xove, tanto pola veciñanza, como pola xente de fóra. Sabíamos que éramos un pobo antigo, con moitos séculos de ocupación, pero poder comprobar materialmente este pasado co descubrimento das vivendas ancestrais de San Tirso, fíxonos moito máis conscientes da importancia da nosa historia. Os descubrimentos dos últimos anos en Xove colocáronnos no mapa da arqueoloxía de Galicia. As primeiras sondaxes en San Tirso atraeron ata o noso municipio cada día de traballo dos arqueólogos/as a centos de persoas de toda a comunidade galega e da veciña Asturias. Posteriormente, o número de peregrinos/as que percorreron o Camiño do Mar de Santiago, ou os sendeiristas da Senda Costeira de Xove ou do Camino Natural del Cantábrico, incrementáronse de maneira exponencial cada ano.

-Que accións de futuro tedes pensado para todo o conxunto? Haberá unha Ruta dos Castros na Mariña ou podería formar parte dela?

O primeiro e máis inmediato é asegurar a conservación das ruínas da capela de San Tirso. Un proxecto promovido polo Concello de Xove e para o que agardamos a autorización de Patrimonio cultural. Despois, e dado os grandes resultados da primeira intervención arqueolóxica, consideramos de relevante interese científico outra campaña que permita ampliar a primeira. Gustaríanos ademais, que a escavación non só fose aproveitada polos arqueólogos/as, senón tamén pola xente do pobo e polos futuros visitantes, podendo deixar algunha vivenda do poboado á vista. Ademais de instalar paneis interpretativos, parécenos de especial interese dotar a Xove dun recurso visitable e de interese para viaxeiros/as que se desprazan por motivacións culturais durante todo o ano, contribuíndo á tan desexable desestacionalización turística na Mariña. Outra motivación para este traballo é, precisamente, artellar a Ruta dos castros costeiros de Xove, na que traballamos dende fai anos, ao contar nun mesmo percorrido con xacementos de elevado interese como son os do Coto da Vela, San Tirso, (Mechiluíde), o da Croa (Antimil), Ceranzos, e Illade. E integrar a outros moi próximos coma o castro do Castelo ou o de Prada. Por suposto, a rede de castros costeiros que se pode establecer cos outros concellos da Mariña, dende Ribadeo ata O Vicedo, pode ser unha enorme oportunidade de dotar á comarca dun recurso turístico sostible, vertebrador e desestacionalizador.

Doutra parte, o arqueólogo David Fernández Abella, sinala que a intervención non foi difícil debido a que os primeiros pasos xa estaban deseñados. Entre outras tarefas, limpouse o terreo e cortouse a madeira plantada sobre os restos arqueolóxicos.

-Cando se realizaron as primeiras catas?

As primeiras catas arqueolóxicas no xacemento realizáronse en setembro – outubro do ano 2020, e tiveron unha duración de tres semanas de traballo de campo.

-Era difícil a priori levar adiante unha escavación? Cando se deu por válido actuar sobre este xacemento?

O proxecto da primeira intervención arqueolóxica se comezou a deseñar a actuación no ano 2019. Non foi difícil no sentido de que os primeiros pasos estaban dados. O terreo principal do xacemento xa fora adquirido polo concello e iso sempre e unha gran vantaxe para a xestión de permisos. Ademais durante as tramitacións dos permisos de escavación, o xacemento limpouse e cortouse a madeira existente nela, que afectaba aos restos arqueolóxicos. É interesante destacar que o Concello promoveu a intervención con fondos propios, o que é un gran esforzo, pero fai mais sinxelo impulsar unha intervención arqueolóxica sen depender de subvencións doutras institucións. Tras os permisos sectoriais necesarios (patrimonio, costas e medio ambiente) púidose intervir no xacemento tras un prazo aproximado dun ano.

-Que información vos deron os primeiros restos (muros) e os achádegos (obxectos) que fostes encontrando?

Toda información arqueolóxica estaba disposta para comezar a comprender a cronoloxía e funcionalidade dos diversos espazos da área arqueolóxica de San Tirso. Como primeira intervención, serviu para comezar a comprender o xacemento e valorar o seu grao de conservación e a continuación dos traballos permitirá mellorar progresivamente o coñecemento desta área arqueolóxica moi rica e complexa. En canto a resultados, a primeira sondaxe localizou 5 tumbas tardoantigas, probablemente vinculadas ao mosteiro dúplice que supostamente é a orixe do que sería a antiga parroquial de Portocelo. Na segunda sondaxe encontráronse dúas casas dispostas paralelamente, con aparello de pedra e planta cadrada ou rectangular, con esquinas redondeadas, de época galaicorromana. Estes achados, máis os restos materiais asociados, permitiron definir polo menos dúas fases de ocupación no xacemento, de gran interese os dous para coñecer, por un lado, unha comunidade rural galaicorromana; e por outra un espazo funerario que cremos vinculado a unha das primeiras comunidades relixiosas da Mariña Lucense, anterior mesmo a San Martiño de Mondoñedo.

 É interesante destacar que o Concello promoveu a intervención con fondos propios

-Que obxectos se encontraron dentro dos seus límites?

Obxectos de todo tipo, loxicamente só atopamos os que se perderon, ou os que deixaron alí polo seu pouco valor para os habitantes do castro no momento que foi abandonado pacificamente, e se puideron conservar ata os nosos días: material cerámico de olas de almacenaxe e cociña, recipientes de servizo de mesa, pezas metálicas de calzado e cravazón de estruturas de madeira, pesos de tellado e pesos de rede, fusaiolas para o tecido, algún elemento lúdico ou de adorno, como a doa de pasta vítrea… un pequeno reflexo da vida dos antigos habitantes de San Tirso que irá enriquecendo con cada campaña a nosa visión da vida daquelas xentes.

-Cronoloxicamente en que período se pode situar o castro?

O castro ten unha ocupación de cronoloxía galaicorromana bastante dilatada, do século I ao VI despois de cristo. De tódolos xeitos a aparición dunha doa de pasta vítrea oculada nos fai non descartar unha ocupación previa, da segunda idade do ferro, aínda non ben documentada.

Encontramos un espazo funerario que cremos vinculado a unha das primeiras comunidades relixiosas da Mariña, anterior mesmo a San Martiño de Mondoñedo

-Puido observarse se foi espoliado de maneira constante? Foron usadas algunhas das súas pedras para a construción da igrexa de San Tirso?

É algo moi normal. Case todos os xacementos arqueolóxicos se espolian tras o seu abandono, reutílizanse as súas pedras para as construcións, e os veciños collen pedra para peches de finca, ou para casas próximas. Nas ruínas da igrexa de San Tirso aínda non se localizaron pedras inequivocamente vindas do castro, pero como é lóxico, con estruturas á vista e pedra xa cortada dispoñible ao lado, é case imposible que non se aproveitaran pedras de construcións máis antigas, xa sen utilidade. Os estudios que se fagan na igrexa e o seu adro probablemente o confirmará nun futuro próximo.

-A información recollida na escavación permitiu saber como era a vida das persoas que habitaban este castro?

Toda información arqueolóxica que se obtén dun asentamento antigo ofrece unha perspectiva da vida cotiá daquelas xentes, e é algo acumulativo, canto mais investigamos un enclave, máis sabemos deles. Neste sentido coñecemos que obxectos usaban os habitantes galaicorromanos de San Tirso de Portocelo, como comerciaban ou que actividades industriais facían, tal como a olería, o tecido ou a metalurxia. Comezamos a coñecer ou seus espazos domésticos e o seu estilo de vida a través dos restos materiais que nos deixaron. Unha cousa sinalable é que tamén comezamos a coñecer como morrían, ou como eran os ritos funerarios dos monxes e monxas que supostamente vivían no mosteiro de San Tirso de Portocelo.

coñecemeos algunha das actividades industriais que facían, tal como a olería, o tecido ou a metalurxia

-Hai algún sinal único que distinga este castro doutros da Mariña?

Cada xacemento ten características que o fan único. Aínda que similar a outros xa intervidos, coma Punta Atalaia ou Fazouro, no caso de San Tirso, ademais da espectacular paisaxe na que se encontra, o xacemento está en moi bo estado de conservación. Ten unha ocupación dilatada no tempo, de cronoloxías bastante tardías. Ademais diso, ten unha reocupación do espazo do castro para un posible mosteiro dúplice, un dos primeiros mosteiros da Mariña, se os datos do testamento do diácono Rodrigo de Coimbra son certos. Podemos dicir que temos dous ou tres xacementos nun mesmo espazo: un castro galaicorromano, un mosteiro altomedieval asentado na zona das murallas, e sobre o mesmo espazo, a igrexa parroquial de época medieval e moderna. E aínda temos a dúbida de se o castro e orixinario da segunda Idade do Ferro, o cal lle engadiría unha maior antigüidade.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...