A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca á xente da comarca a unha nova manifestación para o vindeiro 19 de xaneiro de 2023, baixo o lema “Contra o desmantelamento da sanidade pública”. A convocatoria, segundo a Plataforma, “responde á situación de emerxencia no que se atopa a sanidade pública, que sufre cada vez máis deterioro sin que os responsables da súa xestión poñan solucións efectivas”.
A asociación sinala nun comunicado que se ben A Mariña leva sufrido continuos recortes en materia de sanidade desde hai trece anos, “os problemas agrávanse tras a supresión da área sanitaria no ano 2018”. Esta decisión “unilateral” do goberno da Xunta “dándolle as costas ao clamor veciñal que se oponía á súa perda, provoca a centralización dos recursos na capital aumentando as derivacións cara a Lugo“, moitas veces a centros privados. Moitos dos procedementos derivados, sinalan desde a Plataforma, “ben podían terse realizado aquí”. Todo isto a pesar de ter feito unha obra de ampliación que “se fixo realidade grazas a un importante movemento de presión social, non se dotou de nin un só servizo novo”.
No mesmo comunicado, a Plataforma destaca que a situación actual pola que están a pasar moitos centros de saúde raia o peche funcional dos mesmos. “Mesmo en Viveiro hai uns meses quedaba un só medico dos dez que hai no cadro de persoal entre as quendas de mañá e de tarde; en Cervo durante os meses de verán só houbo servizo médico tres días á semana”. Outro servizo prexudicado foi pediatría de familia, que na Mariña está a piques de desaparecer e “negámonos a aceptar o discurso que está a lanzar o Partido Popular cando afirma que temos que afacernos a que non haxa pediatras nos centros de saúde”.
Denuncian tamén situacións grotescas no Hospital da Mariña “como agardar dous anos para facer una ecografía ou tres anos para ser visto por cardioloxía”. Por todo isto, desde a Plataforma “chamamos ao sector sanitario,a industria, comercio, sectores produtivos, tecido asociativo, alcaldesas, alcaldes, corporacións municipais e en xeral á toda a sociedade mariñá a que se sume a esta mobilización que acreditamos en que será multitudinaria”.