InicioOccidentalViveiroAntonio Lage: "A política na comarca está instalada no século XXI con...

Antonio Lage: “A política na comarca está instalada no século XXI con mentalidade do século XIX”

Antonio Lage é unha persoa que tocou numerosos paus, desde a política, a investigación histórica e o asociacionismo, todo isto cunha grande dose de cosmopolitismo que non lle fai esquecer as súas orixes viveirenses. Actualmente reside en Chicago (EEUU) e busca crear lazos de conexión entre as comunidades galegas no exterior e o resto de comunidades iberofónicas, pois como el di: "Galicia pode ser o centro desa rede de comunidades".

Publicada o

- Advertisement -

-Como e por que aterraches en Chicago?

Aterrei en Chicago por cuestións familiares pois estou casado aquí e a miña muller é profesora nesta cidade.

-Cal é a túa actividade profesional agora mesmo nesa cidade?

Nestes momento o meu traballo está relacionado con mantemento de grandes edificios. Por outra parte, sigo escribindo para medios e tamén estou levando adiante actividades sociais ligadas con Galicia. Digo isto porque para o mes de febreiro organizaremos un encontro-coloquio de irmandade USA-Galicia. O eixo central é estudar o papel de Galicia como nexo de unión dentro do mundo iberofónico. Galicia podería ser a sede do mundo lusófono e hispano, desde Angola pasando por USA e acabando en Chile, por exemplo. Tamén falaremos sobre o aspecto identitario de Galicia no estranxeiro, como se construiu a Galicia do exterior, como a creación do himno en La Habana ou o exilio republicano.

-É dicir, móvete unha ansia investigadora sobre a comunidade galega do exterior.

Ultimamente estou abrindo arquivos onde descubro galegos que tiveron un papel clave nas exploracións de América. Un exemplo foi Vasco López de Viveiro, explorador en Nuevo México e rexedor nos territorios mexicanos. Tamén houbo galegos que abriron rutas de exploración en Alaska ou foron quen circunnavegaron a illa de Cuba.

Galicia podería ser a sede do mundo lusófono e hispano, desde Angola pasando por USA e acabando en Chile

-Como foi a túa adaptación ao estilo de vida nos Estados Unidos, se é tal como pintan nas series ou programas que vemos, con xente que se ergue ás cinco da mañá, pois parece que non dormen.

Normalmente aquí estamos de pé as cinco da mañá e ao mellor non volvo para a casa até as nove da noite sen interrupción -non se vai comer á casa-. Si que son xornadas de dez horas ou máis. Por outra parte, non hai soño americano, polo menos desde o meu punto de vista. Aquí a xente ven traballar e traballar, este país está feito a base do esforzo. Os EEUU é o imperio do noso tempo, entón desde a miña perspectiva, hai patricios e plebeos. Hai persoas que traballan horas e logo existe outro perfil con aspecto de clase media mais non é tal, son millonarios se os miramos desde unha perspectiva máis galega ou española. Esta xente vive en grandes casas dentro de boas urbanizacións. Son persoas con carros de cen mil dólares ou máis, e non un só, teñen casas que valen millóns e aparentan ser traballadores, con todo, para o mundo real son xente millonaria.

-Sigo preguntándome como é posible erguerse a esas horas e ademais, é tan doado cambiar de traballo como queren aparentar?

Hai moito traballo, nese sentido o sistema capitalista aquí permite que lle busquen un rendemento a todo. Hai traballo e case non hai desemprego, despois, se a vida e sustentable ou non, xa é outro tema. Por que se madruga tanto? Penso que é cousa do tempo climatolóxico, parece que o corpo te anima a madrugar. Tamén hai uns horarios moi diferentes. Déitaste moito máis cedo pois aquí as nove da noite son como as doce en Galicia, como se aí chegases de traballar ás once, comes algo e vas durmir.

-Segue habendo racismo dentro da sociedade dos Estados Unidos polo que ti ves?

Racismo non hai porque esta é unha sociedade multicultural e cosmopolita. Todo sistema deixa os seus monstros, aquí chámanlles “zombies” humanos, persoas marxinadas do sistema, un fenómeno que chegará a Europa, seguro, e a iso súmalle que a vida aquí é moi cara. Logo hai xente vivindo noutras áreas das cidades que non ven este fenómeno e non son conscientes del. Hai unha rica diversidade cultural. Envexo esas organizacións cívicas tan fortes que teñen e tanta Filantropía.

Ultimamente estou abrindo arquivos onde descubro galegos que tiveron un papel clave nas exploracións de América. Un exemplo foi Vasco López de Viveiro, explorador en Nuevo México

-Existe a mistura étnica ou de culturas?

Si que existe en todos os aspectos. Desde a fundación deste país, a comunidade de orixe anglosaxón segue tendo un papel de poder. Os primeiros en demostralo son as grandes familias empresariais quen acabaron sendo como unha especie de aristocracia. Logo da II Guerra Mundial chegou xente do Pacífico e moitos xudeos desde Europa. Outro aspecto con forte peso na sociedade norteamericana é a relixión. A constitución do país deu liberdade de culto e si hai unha liberdade relixiosa real con moitas confesións convivindo. Insisto en que é o imperio do noso tempo e fai de imán atraendo persoas de diversos lugares, tal como fora no seu momento Roma.

-Se che preguntase entre que comunidade te moves máis, cal sería: a latina, anglosaxona, irlandesa….?

Por parte da miña muller son de orixe irlandés e alemán. Ademais aquí hai unha comunidade mexicana demograficamente máis dinámica. Móvome entre as dúas, mais hai persoas de moitas partes. Creo que en poucos anos haberá un presidente hispano.

aquí as nove da noite son como as doce en Galicia, como se aí chegases de traballar ás once, comes algo e vas durmir

-Tamén hai quen fala da “desaparición” da poboación anglosaxona ou europea dos EE.UU.?

Existe un “halo de igualdade”, un elemento necesario porque tampouco podemos ocultar a realidade, pois a industria audiovisual falaba daquela persoa loura e de ollos claros como o prototipo norteamericano. Mais agora mesmo estáselle dando máis visibilidade porque é unha realidade que está aí. Alén diso, non deixa de haber esa separación entre patricios e plebeos. Tamén hai moita xente con outra perspectiva.

-Botas de menos Viveiro?

Sempre boto de menos Viveiro, sobre todo ese contacto coa natureza, cos diferentes lugares da vila. Son moi morriñento. Ademais, algo que me doe é ver como a Mariña non está no seu mellor momento. Levo escribindo desde os quince anos sobre a transformación de mar e monte, protección do patrimonio como arma natural e cultural, e todo iso segue sen facerse. A política na comarca está instalada no século XXI con mentalidade do século XIX.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...