IniciosociedadePilar Cebeiro: "Hoxe en día estase chegando a escolarizar alumnado con calquera...

Pilar Cebeiro: “Hoxe en día estase chegando a escolarizar alumnado con calquera tipo de diversidade dentro das aulas ordinarias”

Pilar Cebeiro Fernández traballa con alumnado con diversidade dentro do IES Perdouro. Falamos con ela para que nos explique no posible, cales son os pasos dados nun centro escolar para tratar con este alumnado. Sobre todo, porque é necesario saber e visibilizar que se poden adaptar ao ritmo das aulas se reciben o apoio axeitado.

Publicada o

- Advertisement -

-En que consiste a pedagoxía terapéutica?

Eu véxoa como unha versión mellorada do que era no seu tempo a educación especial. Esta última víase dunha maneira parcial pois estes nenos e nenas só convivían coas demais no momento do descanso entre aulas. Agora, desde a pedagoxía terapéutica, o que facemos é coñecer as necesidades e fortalezas, facendo que sexa un alumno ou alumna máis integrada no centro escolar e dándolle unha función nese centro. É dicir, darlles visibilidade. Debemos entender que son nenos cunhas necesidades diferenciadas mais todos os nenos van ter necesidades cada un deles. Dos vinte e cinco que teñas na aula non hai un que sexa igual a outro. Unha aula con diversidade ten máis convivencia e ten máis apertura social.

-Como se avalían as necesidades do alumno ou alumna necesitada deste tipo de pedagoxía e como se articula un programa de actuación con eles?

Xa na etapa de infantil se detectan as necesidades destes alumnos. Se hai unha boa atención hai unha boa detección que logo facilita o avance co alumno. Por tanto, calquera necesidade hai que detectala a tempo para ser proactivos e realizar unha intervención inmediatamente. Aí xoga moito o papel do titor, do pedagogo terapéutico, esa sería a miña función, tamén o traballo do profesional da audición e linguaxe que en conxunto formamos parte dese departamento de orientación. Coa recollida de datos e con entrevistas coas familias, podemos detectar situacións que se poden mellorar. Agora falamos moito de alumnado con necesidades mais realmente son vulnerabilidades. Non é só o alumno o que ten unha dificultade, moitas veces é o contexto o que lle fai ter unha necesidade, a propia familia lle fai ter unha necesidade e a sociedade tamén lle crea necesidades. Esta visión naceu a partir dos que buscamos non só a fortaleza senón tamén a dificultade e a partir de aí, faise un ditame de escolarización. Desde ese momento o idóneo é traballar de maneirar colaborativa para que ese neno ou nena poida traballar cos demais nenos e nenas, aínda que sexa diferenciado e adaptado. Unha comparación, un alumno con miopía ten que usar gafas, iso é algo normalizado e repercute en que teña unha mellor visión. Cun alumno con dislexia teriamos que traballar cun tipo de letra e un tipo concreto de separación da letra. Esas adaptacións funcionan e hai que levalas á aula por parte de todo o persoal docente. Unha vez elaborado o dictame e logramos que todo o mundo chegue a entender as necesidades do alumno para que poida entender o discurso da aula.

-Isto permite unha escolarización igual ao resto do alumnado?

Hoxe en día estase chegando a escolarizar calquera tipo de alumnado con calquera tipo de diversidade dentro das aulas ordinarias. Hai centros de educación especial que teñen unha función moi importante, porque hai alumnado que igual funciona moito mellor aí que non nun centro ordinario, simplemente pola falta de recursos, de adaptacións que precisa, as necesidades que lles podes suplir e poder fortalecelos. O ritmo escolar é diferenciado mais está moi avanzado para eses alumnos.

Non é só o alumno o que ten unha dificultade, moitas veces é o contexto o que lle fai ter unha necesidade

-Tamén está a linguaxe pexorativa sobre este tipo de alumnado.

Podemos falar de necesidades, particularidades ou capacidades diversas. Creo que os termos podemos definilos coa linguaxe que temos. Non hai nada pexorativo nin que discrimine se nós non queremos discriminar. Dicir “discapacidade” non é inferior, é apuntar unha diferenza. Hai anos viamos alumnado con diferenzas funcionais ou intelectuais e, como se traballaba con eles? Pois dunha maneira moi limitada e separada do resto de alumnos e alumnas. Agora o que se busca é a inclusión ao 100%, mais é un camiño moi longo.

-Dentro do campo das diversidades intelectuais e funcionais, cales son as que teñen maior presenza?

Eu estou como PT especialista en autismo nun centro da ESO, estou nomeada para realizar un traballo con alumnado con autismo. É un traballo do que aprendes moito dos alumnos e alumnas, aínda así traballei con alumnado con pel de bolboreta, con síndrome de Down, con dislexia, con TDH e outras diversidades. Todas elas dannos pistas de como achegarnos e traballar con eles. Por exemplo, se teño un alumno con dislexia dispoño das ferramentas necesarias para traballar con el, porque sei que se necesita un tipo diferente de aprendizase. En realidade hai moitas casuísticas, quizais haxa un incremento en TDH mais hai que traballar con eles. Por exemplo, permitirlle que se erga, porque ter un alumno sentado seis horas e logo pedirlle que sexa deportista porque senón xeramos obesidade, pois estamos a contradicirnos.

Cun alumno con dislexia teriamos que traballar cun tipo de letra e un tipo concreto de separación da letra. Esas adaptacións funcionan e hai que levalas á aula

-O TDH é consecuencia da vida contemporánea, con tantos estímulos?

Non son médico para dicir se é certo ou non. Hoxe por hoxe estou vendo nos centros que a causa é variada. Isto non é unha soa casuística. Pode ser algo xenético, pode haber causas no exceso cos videoxogos. Hai que traballar con eles. Por outra parte, un alumno con TDH pode ter autismo e ao revés. Mesmo se dá a situación que se pode ter autismo e non TDH e viceversa. Hai moitas variabilidades. Con isto quero dicir que autismo non é o contrario de TDH, nin tampouco o contrario. É como dicir que un limón é o contrario a unha mazá.

-Como podes explicar o espectro autista a unha persoa sen coñecementos sobre esta condición?

É unha dificultade sobre todo na relación e na comunicación social para entender o entorno que nós lle demos. Calquera persoa autista dependendo do seu nivel de autismo, dinos que a condición social e a de comunicación é a que máis está danada. Esas persoas no noso mundo, teñen dificultades para entendelo, porque o entenden literalmente e por iso debemos poñerlle nome ás emocións que están sentido. Non saben como achegarse ás persoas e se o semáforo en verde é para poder pasar, todo o que está en verde para eles “é poder pasar”, por iso se deben traballar todas as casuísticas, porque dentro desa norma hai excepcións, cousa que non entenden. Por iso necesitan un sistema alternativo de comunicación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...