Montse Porteiro: “estivemos durante moitos anos con dous radiólogos dos cinco que deberamos ter no cadro de persoal”

Montse Porteiro forma parte da Plataforma pola Sanidade Pública da Mariña. Falamos con ela pois para o día 19 de xaneiro está prevista unha manifestación en Burela a favor da sanidade pública. Piden recuperar a Área Sanitaria da Mariña, a creación de diferentes servizos que o Hospital da Costa non ten aínda, cubrir as vacantes e aumentar o cadro de persoal. E por último, o dereito a unha sanidade pública, universal e gratuíta para toda a cidadanía.

Hospital da Costa. AXM

-Unha das reivindicacións da vindeira manifestación do día 19 é recuperar a área sanitaria da Mariña. Cales serían as vantaxes de recuperar a área sanitaria?

Se recuperamos a Área Sanitaria, cousa que levamos reivindicando desde que nola quitaron, teriamos unha capacidade organizativa e orzamentaria propia. Tamén se gañaría moito na proximidade en atención sanitaria porque moitos dos servizos estanos derivando á macroárea de Lugo. A isto engadir a falta de calidade nos servizos como o de oncoloxía. En oncoloxía temos un servizo incompleto porque non dispoñemos de especialistas propios, pois veñen desde Lugo, son oncólogos do HULA e veñen a facer consulta aquí, máis non dispoñemos deles as 24 horas do día.

-A que criterios responden eliminar áreas sanitarias como a da Mariña?

É vontade política. Xa vemos o que están facendo coa sanidade pois vemos que están construíndo macro-hospitais nas cidades para absorber toda a actividade asistencial. Isto leva a baleirar de contido os hospitais comarcais, os máis rurais e os máis afastados das capitais. Todo isto forma parte das consignas e da ideoloxía do PP de privatizar a sanidade, pois mentres constrúen macro-hospitais, os privados arredor destes últimos tamén fixeron obras de grandes dimensións para absorber toda a actividade derivada.

Tamén se gañaría moito na proximidade en atención sanitaria porque moitos dos servizos estanos derivando á macroárea de Lugo

-Sobre a redución do número de profesionais, coñecedes desde Plataforma SOS Sanidade Pública A Mariña a porcentaxe de postos que se perderon ou non se substituiron?

Non fixemos unha análise que poda darnos unhas cifras exactas. É certo, por outra parte, que durante estes anos houbo unha diminución de profesionais e dicir tamén que os nosos servizos están sempre en déficit estrutural de persoal.

-Cales son as necesidades que se deberan cubrir para dar unha asistencia de calidade?

Na atención hospitalaria temos persoas esperando dous ou tres anos para unha consulta de traumatoloxía, reumatoloxía e outras especialidades. Necesitamos ter o número necesario de profesionais para darmos unha atención axeitada e que as esperas non superen o tempo que eles mesmos marcaron na lei de garantías sanitarias. Hai persoas esperando anos por unha ecografía, estivemos durante moitos anos con dous radiólogos dos cinco que deberamos ter no cadro de persoal, porque non se substituíron. Agora mesmo ocupáronse por OPE esas prazas vacantes, é dicir, son prazas xa existentes e quedaran baleiras por falta de substitución. A propaganda do PP vai por aí e iso fixo demorar esta actividade, necesitamos que unha ecografía non tarde máis dun mes en facela.

-A falta de pediatras en determinados lugares, védelo como falta de sensibilidade ademais dun intento de derivar esta especialidade á sanidade privada?

Vemos as dúas cousas. Falta de sensibilidade e aí están as declaracións da xerente do SERGAS dicindo que deberiamos afacernos á falta de pediatras nos centros de saúde. Isto indica a súa estratexia e a pouca sensibilidade con persoas que viven en áreas máis afastadas e persoas que non poden pagar unha sanidade privada. Esta falta de medios obriga á xente a recorrer a estes profesionais privados. Se ti tes o teu neno ou nena fas o que sexa para que cho atendan. Iso, ademais, crea unha enorme desigualdade entre as persoas.

mentres constrúen macro-hospitais, os privados arredor destes últimos tamén fixeron obras de grandes dimensións para absorber toda a actividade derivada

-A presión social debera aumentar sobre a Xunta ou tanto lles ten o nivel de presión que exerzan as persoas?

Cremos que a presión é sempre positiva e ten efectos beneficiosos sobre as reivindicacións. Isto é o único que lles fai mudar a vontade política, tanto a presión social como o ter perto os procesos electorais, e é moi triste que quen goberna pense só nisto.

-As actuais OPE ao SERGAS poden resolver, en parte, o problema da falta de persoal no sistema sanitario?

As OPE darán emprego estable e fixo a persoas que igualmente están ocupando como persoal eventual ou interino, mais non hai prazas netas aprobadas. Son as prazas que levan anos cubertas por eventuais. As oposicións danlle fixeza aos profesionais.

-Ao final habería que recorrer maioritariamente á sanidade privada na comarca da Mariña?

Non estamos en contra de que exista a sanidade privada. Cremos que as persoas teñen dereito a unha sanidade pública de calidade. Despois, cada persoa pode escoller onde quere ir, mais debemos garantir a sanidade pública de calidade e proximidade. Tamén hai clínicas privadas con numerosas especialidades. Unha das nosas reivindicacións é crear unha consulta básica de cirurxía vascular no hospital para facer polo menos, procesos básicos. Desde a xerencia do SERGAS din que esta consulta non é viable porque non hai poboación abondo na comarca para dispoñer desta consulta. Eu diríalles que nos anos 80, cando Lugo era unha cidade de 70.000 habitantes, os que ten hoxe A Mariña, xa tiñan cirurxía vascular desde había moitos anos. Por que hai unha consulta de cirurxía vascular nun centro privado na Mariña? Porque é necesario e hai prevalencia de enfermidades vasculares suficientes como para que exista unha consulta de vascular.

Isto é o único que lles fai mudar a vontade política, tanto a presión social como o ter perto os procesos electorais

-Que esperas da manifestación do día 19?

Espero que se encha a Praza da Mariña e todas as rúas de Burela. Espero unha afluencia masiva, porque sentimos a implicación das persoas e sentimos tamén o seu enfado. Teñen razóns de sobra para estar enfadada, indignada e esixir ao goberno da Xunta que quere unha sanidade pública, gratuíta, de calidade, universal e de proximidade. Por outra parte, a unidade de saúde mental deste distrito sanitario, carece de unidades básicas que se montaron hai pouco en Lugo, como a unidade de prevención de suicidios ou o hospital de día infantoxuvenil. Desde a Consellería de Sanidade dixeron que estes servizos se crearían en todas as áreas sanitarias, se nós tivesemos esa área sanitaria que nos roubaron, disporiamos desas unidades sen ter que enviar a Lugo a estas persoas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here