A Plataforma Sanitaria da Mariña recibe apoios das alcaldías da comarca de cara á manifestación pola sanidade

A Plataforma reivindica a devolución da área sanitaria así como a cobertura das prazas baleiras en atención primaria e pediatría en centros de saúde.


A Plataforma Sanitaria da Mariña sinala nun comunicado que os alcaldes e alcaldesas da comarca están enviando mensaxes de apoio á manifestación convocada para o 19 de xaneiro. Segundo esta asociación, os e as rexedoras están animando ás veciñas e veciños da comarca a que acudan a este acto reivindicativo baixo o lema “Contra o desmantelamento da sanidade pública”.

A manifestación sairá ás 20 horas do Hospital da Mariña e despois de percorrer as principais da localidade, rematará na Praza do Concello onde se lerá un manifestó.

As mensaxes de apoio enviadas desde os gobernos municipais da comarca en formato de videos e subidas ás redes sociais, comenzaron a chegar este pasado luns. Nas súas alocucións, as e os rexedores municipais avisan da importancia de recuperar a Área Sanitaria eliminada no ano 2018 e que supuxo a recentralización dos servizos na macroárea de Lugo. Froito disto, construiuse un xigantesco hospital para absorber as derivacións “in crescendo” que chegan desde as antigas áreas da Mariña e Monforte .

A supresión da área sanitaria “forma parte da estratexia do goberno da Xunta para ir baleirando de contido os centros sanitarios máis periféricos e rurais e capitalizar a asistencia sanitaria nas cidades á vez que se aumenta o desvío de fondos para a sanidade privada”. Tamén advirten da situación de emerxencia que está a vivir a Atención Primaria da Mariña, con máis do 50% dos médicos de familia ausentes por falta de substitucións, centros de saúde sen ningún facultativo e a situación que está a vivir a pediatría de Atención Primaria, “sen profesionais para atender ás crianzas e cuxas familias vense na obriga de acudir ao servizo de urxencias ou a pediatras privados, se é que teñen medios económicos”.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña “agradecemos aos gobernos municipais esta mostra de apoio á sanidade pública e sumámonos a eles animando a mariñás e mariñaos a acudir a esta manifestación, para que se escoite o noso berro unánime que poña fin a esta sangría sanitaria”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here