A Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane) celebrou este xoves a xuntanza anual de Nadal.
Na actualidade, Aspanane conta con 20 profesionais que prestan atención a 52 usuarios, que proceden de Ourol, Xove, O Vicedo, Viveiro e Foz. A agrupación conta cun total de 224 socios.
Aspanane, un colectivo sen ánimo de lucro, ofrece servizos de centro de día -para 17 usuarios- e de centro Ocupacional -para 35-.
Presta asesoramento a todas as familias que o necesiten. Ofrece actividades deportivas, culturais ou lúdicas, como ximnasia ou canto; así como obradoiros de carpintería, serigrafía ou tampografía, co obxectivo de integrar socialmente ás persoas con discapacidade intelectual.
O colectivo tamén promove iniciativas coa colaboración do tecido empresarial. Así, Alcoa conta coa participación de usuarios nos traballos de empaquetado de sobres; Electrodomésticos Viveiro, para a montaxe de pezas, ao igual que Vestas.
O voceiro do goberno provincial Álvaro Santos Ramos asistiu á celebración, na que destacou que a agrupación ten “un papel fundamental á hora de derrubar barreiras para acadar unha igualdade de oportunidades real e efectiva”.
Tamén asistiu ao acto Cristina Abades, a xefa territorial de Consellería de Política Social, en representación da Xunta de Galicia, e a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro.