IniciosociedadeA CIG denuncia a "inasumible carga de traballo" como causa da fuga...

A CIG denuncia a “inasumible carga de traballo” como causa da fuga de profesionais no Hospital da Mariña

O sindicato denuncia que "o persoal de Medicina Interna padece un nivel de estrés altísimo, derivado da demanda asistencial, da falta de profesionais e máis do trato laboral”.

Publicada o

- Advertisement -

A CIG Saúde A Mariña denuncia nun comunicado a fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña debido á “inasumible carga de traballo á que se ve sometido”. Segundo o sindicato, o progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal é a orixe da sobrecarga laboral sobre os e as facultativas. Esta sobrecarga, subliñan, chega a dobrar e mesmo triplicar os estándar recomendados pola Sociedade Española de Medicina Interna, de oito pacientes por facultativo ao día en hospitalización.

A CIG sinala que desde hai anos a carga de traballo do persoal facultativo que realiza gardas de área médica foise incrementando até chegar a unha situación “que resulta inasumible que unha soa facultativa poida atender as necesidades asistenciais xeradas durante ditas gardas en condicións de seguridade para o doente”. Denuncian a realización de traballo continuado durante 24 horas “e en ocasións sen descanso algún”.

A garda de área médica atende diariamente as incidencias de todos os doentes ingresados “a cargo dun servizo médico, que en ocasións supón ata o 70% do total de hospitalizados”. A isto engádense as valoracións en urxencias para ingreso que “a día de hoxe é a maior carga da garda, podendo ser frecuente que o facultativo de garda pase toda a noite ingresando, con agardas de atención de ata 10-12 horas desde que o doente chega a urxencias ata que é valorado pola garda de área médica”. A isto súmase, segundo a CIG, as valoracións urxentes de doentes ingresados nas especialidades cirúrxicas que “en moitas ocasións non poden agardar e precisan dun manexo complexo e multidisciplinar”.

Baixo estas condicións non se pode garantir a seguridade das e dos pacientes por parte do persoal sanitario. Desde hai máis dun ano estes facultativos veñen demandándolle tanto á Dirección do Hospital da Mariña como á Dirección do Hospital de Lugo resolver esta situación polo menos con dous médicos para cubrir a garda diaria da área médica.

Todo isto, denuncian desde o sindicato, provoca a continua fuga destes profesionais cara a outros centros hospitalarios onde poden realizar o seu traballo “con normalidade”. A CIG Saúde da Mariña cualifica de “loucura” a situación que se dá no Hospital da Mariña onde “o persoal de Medicina Interna está esgotado, padece un nivel de presión e de estrés altísimos, derivado da demanda asistencial, da falta de profesionais e máis do trato laboral”.

CIG Saúde A Mariña denuncia esta falta estrutural de persoal que provoca a sobrecarga asistencial e “impide garantir unha atención sanitaria de calidade”. Por outra parte, denuncian a ausencia do debido recoñecemento profesional das traballadoras e traballadores por parte da Dirección do centro hospitalario.

“Preguntámonos onde están eses dirixentes do PP que afirmaban que pasar a depender de Lugo significaba máis e mellores servizos, e que os facultativos e facultativas de Lugo poderían así vir reforzar este hospital”, remarca o sindicato no seu comunicado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...