Carmen Cruzado, directora de Faro Norte
A principios do ano 2008 nacía en Ribadeo a empresa Faro Norte Comunicación, polo que esta firma que dirixe desde entón a xornalista Carmen Cruzado acaba de cumprir 15 anos.
Nestes tres lustros en Faro Norte ocupámonos da comunicación e a relación cos medios de concellos, grupos políticos, establecementos e outros negocios, asociacións empresariais e colectivos culturais, deportivos, veciñais, etcétera. Tamén levamos a cabo a coordinación, redacción e distribución de publicacións, como boletíns informativos e folletos, para diversas entidades. Contamos con locutores para a gravación de cuñas radiofónicas, audios de spots para televisión e cine, megafonías, etc. E xestionamos publicidade para os nosos clientes en xornais (en papel e dixitais), radios, televisións e cine.
No verán do 2014 publicamos o libro A praia das Catedrais e as súas contornas, dedicado aos principais atractivos da provincia de Lugo, partindo desde o famoso areal ribadense. Foi escrito por Carmen Cruzado e Beni Mántaras e prologado pola recoñecida xornalista Esther Eiros.
En febreiro de 2015 puxemos en marcha a publicación dixital Faro Ocio Norte (www.faroocionorte.com), que ofrece diariamente información sobre diferentes actividades que se celebran na Mariña, para o que conta con seccións como certames, charlas, cine, cursos, deportes, eventos, exposicións, gastronomía, libros, música e teatro.
Desde 2015 editamos A Gaceta Ribadense, xornal que sae anualmente no mes de xullo con motivo da celebración do Ribadeo Indiano e que lembra aos diarios da época que se recrea neste evento.
No verán de 2016 elaboramos a guía turística en inglés The North of Lugo, unha iniciativa que desenvolvemos conxuntamente coa Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA).
No outono de 2016 organizamos dúas Xornadas de Comunicación, Gastronomía e Promoción do Turismo no Litoral de Lugo, promovidas pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM) e que contaron con destacados xornalistas con ampla traxectoria en medios estatais e autonómicos: Pepa Sastre, Luis Fraga, Pedro Pablo G. May, David del Cura, Javier Cancho e José Manuel García, que se desprazaron ata A Mariña para participar nesta iniciativa. Tamén xestionamos a emisión desde esta zona en catro ocasións do programa radiofónico estatal sobre turismo “Gente Viajera”, dirixido e presentado por Esther Eiros, acompañada de prestixiosos xornalistas especializados en información turística que colaboran en diversas publicacións sobre viaxes nacionais e internacionais, o que supuxo que algúns dos principais atractivos turísticos da Mariña se visen reflectidos en numerosos medios.
Para facer balance Carmen Cruzado explica que nestes máis de 5.000 días en Faro Norte Comunicación “houbo momentos moi bos e outros non tanto, pero o fundamental hoxe é darvos as grazas a todas e a todos os que percorrestes connosco este camiño: os nosos clientes e tamén os compañeiros que traballan nos medios cos que mantemos un contacto permanente. En Faro Norte Comunicación sempre nos poñemos na pel do noso cliente, porque el é o máis importante, e queremos seguir así -paso a paso pola senda dos valores e dos principios que nos inculcaron- outros 15 anos polo menos”.