OPINIÓN: As árbores esquecidas

Nas últimas décadas ao longo da Mariña Lucense perdeuse a maioría de masas forestais con árbores autóctonas como o amieiro; o principal representante dos bosques de ribeira. A ameaza de especies invasoras e a man do home acurrala en zonas cada vez máis escasas do territorio mariñán a estes tesouros do medio natural.


Boris Vilar Vidal – Guía e informador turístico da Mariña Lucense

Nas últimas décadas ao longo da Mariña Lucense perdeuse a maioría de masas forestais con árbores autóctonas como o amieiro; o principal representante dos bosques de ribeira. A ameaza de especies invasoras e a man do home acurrala en zonas cada vez máis escasas do territorio mariñán a estes tesouros do medio natural.

En maior ou menor medida, nos 16 concellos que integran a Mariña Lucense quixemos esquecernos do valor de tantas árbores vitais para o ecosistema. Unha das árbores máis representativas do bosque de ribeira é o Alnus glutinosa, coñecido en Galicia cos nomes de amieiro, ameneiro, abeneiro e inclusive como umeiro na zona máis próxima ao occidente astur (a raíz am-/um- ,de orixe prerromana denotaría a relación con cursos de auga). A madeira do amieiro foi empregada dende sempre pola súa principal característica, a resistencia á humidade; de feito, é unha árbore que enterra as súas raíces nos cursos fluviais, amosando un desenvolvemento desta parte certamente peculiar. Perdendo a súa raíz primaria e desenvolvendo tanto en superficie como no subsolo, xeralmente os leitos dos ríos, un sistema radicular secundario moi resistente.

En Galicia, un dos usos máis estendidos da súa madeira foi a elaboración de zocas, que aguantaban en bo estado moito tempo xa que a humidade non lle afecta. Tamén se construían estruturas para os muíños de auga, pontes, quillas e sobrequillas para as embarcacións que noutrora saían das carpinterías de ribeira mariñáns, e ata os alicerces somerxidos das construcións dos canais da ben coñecida Venecia se facían con grandes troncos de amieiro. Da súa casca obtíñanse tinturas para tecidos pero tiña outras moitas aplicacións, e como tantas especies vexetais, empregábase con fins medicinais como remedio para a gorxa e queimaduras ou para axudar a reducir a reuma e os niveis de colesterol. Boa conta das súas virtudes tiñan os peregrinos que poñían as súas follas nas plantas dos pes para aliviar a dor e o cansazo.

Non obstante, o aspecto máis relevante desta árbore na actualidade é o rol que ten nos ríos. O amieiro resiste de xeito sobresaínte as enchentes, o seu sistema de raíces funciona como unha áncora que se vai espallando sostendo todo o terreo de arredor, evitando o desprendemento de partes do curso; o que representa un perigo real para o medio pero tamén para as persoas. Non so iso, nas mesmas raíces medra unha bacteria simbiótica (Frankia alni) que fixa o nitróxeno e fai asimilables os nutrientes das rochas o que ten un efecto directo na refertilización do chan. Por outra banda, ás súas copas, nalgúns casos de ata 8 metros de diámetro son unha das principais ferramentas naturais para reducir a evaporación de auga na tempada de estío e proporciona sombra, indispensable para outro tipo de vexetación de ribeira como son os fentos, briófitas e plantas acuáticas que do mesmo xeito, son soporte vital de anfibios, peixes e insectos.

Boris Vidal nunha das súas excursións / remitida

No pasado mes de setembro tiven que presenciar como nos traballos de corta forestal, preto de certos regos ao longo da Mariña, varios exemplares de amieiro foron eliminados sen miramento algún. En certo modo, sentín con medo que tarde ou cedo o mesmo podía acontecer con tantos vellos curmáns distos, algúns deles centenarios vixías do río que nos protexen dos efectos das riadas pero tamén do contrario; a seca, que cada ano que pasa supón un problema máis tanxible nun espazo que ata agora, a penas experimentara a escaseza de auga.

O amieiro é unha árbore que chega a superar os 20 metros de altura; a súa folla é caduca pero mantense verde ata caer. Unha peculiaridade desta árbore é que cando se corta, a madeira pasa dunha tonalidade marrón clara ao vermello, isto provocou, entre outras moitas razóns, que en certos países de Europa se tivera a crenza de que era unha árbore máxica. En Irlanda sentíase un gran respecto polo amieiro e cortalo supoñía un castigo, na mitoloxía nórdica vencéllase ao amieiro coa resurrección, e curiosamente, tamén no libro da Odisea se fai referencia ao amieiro con este mesmo significado. Estas son só algunhas das connotacións que o amieiro tiña en distintos lugares e culturas europeas. Na antigüidade boa parte de Europa estaba cuberta por un tipo de bosque primario, o bosque húmido atlántico, do que formaba parte o amieiro entre outras moitas especies. Na actualidade só quedan pequenos parches en terreos escarpados coñecidos como as fragas e a carón dos ríos, o bosque de ribeira; espazos dende os que se debería iniciar xa a súa recuperación.

No meu caso, van máis de 5 anos nos que non me canso de ensinar a estes impoñentes vixías do río a moitos e moitas dos que se achegan á Mariña, co propósito de difundir o rol esencial do amieiro na ecoloxía e na paisaxe dos ríos; concienciando a prol da súa conservación. O ciclo da auga como o ciclo da vida, a resurrección á que se podían referir os antigos, depende en boa medida de que os amieiros non desaparezan da beira dos nosos ríos, regos e regatos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here