O Valadouro e A Mariña Lucense contan desde este sábado cun novo refuxio para animais abandoados e en catividade.
A Protectora de Animais Valadouro-Alfoz (Apava) inaugurou as instalacións, que prestarán servizo tamén aos municipios de Alfoz, Lourenzá e Muras, e a aqueles concellos que decidan sumarse.
A Deputación de Lugo financiou con 85.000 euros a construción das instalacións, que se realizaron nuns terreos propiedade da asociación. O colectivo foi o responsable da execución dos traballos nunha parcela de 2.650 metros cadrados, situada en Vilaestremil.
O refuxio pode dar acubillo, mantemento, coidado e atención a un total de 30 animais abandonados.
DEPENDENCIAS
As dependencias consisten nunha sala de curas, un departamento para a xestión da actividade, un almacén de alimentos e outro de limpeza, dúas salas de corentena e outras dúas de illamento, unha sala de postpartos, un espazo para animais perigosos, un departamento para gatos e mascotas e outros 6 espazos para o resto de animais.
O presidente da Deputación, Darío Campos, o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, o alcalde de Alfoz, Jorge Val, e a presidenta de Apava, Lucía López Tallón, inauguraron as instalacións.