O sindicato CIG Saúde A Mariña impulsa unha recollida de sinaturas reclamando que se cumpra a normativa do SERGAS, e que o Hospital da Mariña conte cunha escola infantil pública para nenos e nenas de 0 a 3 anos e así favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.
Desde CIG Saúde A Mariña solicitan a creación dunha escola infantil pública no Hospital da Mariña (ao igual que noutros hospitais SERGAS) co obxectivo de axudar a conciliar a vida familiar e laboral, que abra de 7:30 a 22:30 horas durante todos os días da semana, incluídos festivos. A escola debe ser un lugar de socialización, afecto e desfrute onde se cubran todas as necesidades infantís; saúde, hixiene, descanso, xogo e afecto, nun ambiente cálido e acolledor.
A gardería debe contar con dependencias acondicionadas e cun proxecto educativo propio adaptado á idade do neno, levando a cabo unha serie de obxectivos xerais en cada unha das etapas. Débese dar unha gran importancia tanto ao desenvolvemento harmónico, físico e psíquico como á autonomía do neno, xa que o primeiro ciclo de educación infantil é clave para as seguintes etapas da súa vida.
O equipo debe estar integrado por mestres de Infantil e técnicos superiores de Educación Infantil. Entenden que é obriga da administración cumprir a súa propia normativa e poñer a disposición das traballadoras e traballadores medidas de conciliación para favorecer o coidado das crianzas en horario laboral. Unha medida imprescindible para que aquelas mulleres que decidan libremente ter fillos non se atopen con trabas que lles fagan elixir entre ser nai ou desenvolverse profesionalmente.
Desde a CIG apostan polo coidado, desenvolvemento e recoñecemento dos e das profesionais, e apostando pola conciliación laboral e familiar do persoal. Por todo o anterior solicitan o cumprimento dos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo (DOG da RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2022).
Medidas de conciliación e apoio á crianza
Zonas para o coidado de nenos e nenas de 0-3 anos.
19. No caso de novos hospitais ou ampliación (no suposto de que por problemas estruturais non fose posible nas instalacións actuais) habilitaranse zonas para o coidado de nenos e nenas de 0-3 anos ou subscribiranse concertos con gardarías próximas.