Tres vítimas do franquismo, Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, contarán en Mondoñedo cun monólito a xeito de recoñecemento.
Unha iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos políticos que forman parte da corporación municipal, organiza para o 12 de xaneiro unha homenaxe a estes tres mindonienses asasinados polo fascismo.
O acto de homenaxe comezará ás 12.00 horas a carón do cemiterio vello, preto de onde os homenaxeados foron asasinados. Intervirán no acto Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo; Pedro González, neto de González; Graciano Pardo, neto de Paz e Xusto Lage, sobriño neto de Rodríguez Núñez.
Tamén participarán Ángeles Rodríguez Rico, voceira municipal do PP; Eloi Cabana, representante do BNG; e Esperanza González, portavoz municipal do PSOE. O artista plástico mindoniense Daniel Caxigueiro encargouse de deseñar o cartel do evento.

ACTO ABERTO
O acto é aberto no tocante á asistencia e tamén á participación, de xeito que aqueles que queiran ler un poema ou unhas palabras na honra dos homenaxeados ou dos represaliados polo franquismo poden chamar ao número 683.14.87.57.
Esta parte da homenaxe concluirá coa inaguración dun monólito onde mataron a estas tres persoas. O Concello financiará este monumento de lembranza.
A partir das 13.15 horas, na casa da xuventude, antiga sé da Sociedade de Obreiros Católicos, na que militaron os homenaxeados, haberá unha mesa redonda na que participarán familiares dos represaliados.
A organización convoca ao tecido social de Mondoñedo a que asista ao acto de homenaxe.
MÁIS DE 76 VÍTIMAS
González, Paz e Núñez foron asasinados por un piquete de gardas civís e milicianos fascistas o 11 de xaneiro de 1938 no lugar da Rocha a carón da Travesía dos Remedios.
Socios e directivos da Sociedade Obreiros Católicos, militaron na Unión Socialista Galega, cuxas listas ao Congreso en 1933 encabezou Siervo González.
González, Paz e Rodríguez Núñez son tres das máis de 76 vítimas da represión franquista no concello de Mondoñedo tralo golpe de Estado do 1936, entre elas persoas de Ribadeo, A Pastoriza ou Viveiro.
“Estamos a facer xustiza con estes veciños asasinados e no seu nome a todas as persoas que padeceron a represión por ser demócratas e persoas de ben”, afirma Xosé Luis Fernández, da comisión organizadora.
XANTAR DE CONVIVENCIA
Ao remate dos actos haberá un xantar de convivencia. Anotan no correo martiresdemondonhedo@gmail.com ou no teléfono mencionado con anterioridade.