-Cal é o motivo de organizar en Viveiro o Encontro de Antropoloxía en Galiza e Asturies?
Esta é a sexta edición do congreso, e este ano somos a asociación anfitrioa do gran Congreso Internacional de Antropoloxía dentro do Estado. O último organizarase na Coruña a comezos de setembro. Entón, en vez de facer un congreso por falta de tempo, preferimos facer algo que levabamos anos querendo levar a diante, como é este encontro coa antropoloxía asturiana. Fomos organizando e contactando coa asociación asturiana e programamos na Mariña para facilitar o encontro entre as dúas partes. Normalmente isto celébrase en Compostela, pero tamén se celebrou en Ferrol, o ano da pandemia ía ser en Allariz mais acabou sendo online. Nós, sendo unha organización galega pois tentamos movernos o máximo posible dentro do territorio.
-O programa abre cunha asemblea de Agantro e o 29 hai un econtro de representantes da disciplina de antropoloxía galegos e asturianos.
Si, porque o que nos gustaría é mostrar a variedade e a versatilidade da antropoloxía, as posibilidades para abordar mundos moi diferentes. Neste caso temos unha rapaza que estuda a música punk e underground, outra xente traballa biomedicina, en total son seis proxectos diferentes para mostrar o potencial da nosa disciplina.
-De todos os proxectos que se presentan, algún deles está focalizado sobre A Mariña?
Non exactamente. Hai un rapaz da Mariña, Roberto Zuheros que é de Viveiro, mais está traballando sobre o Courel. En tal caso, todos os traballos que se presentan poderían aplicarse na Mariña. Seguramente acabemos falando da Mariña porque vai haber público, mais na parte de ‘Reactivar Saberes’ queriamos tender unha man ao mundo da cultura tradicional galega que está moi viva na comarca. Á parte, Agantro apoiou este ano un informe realizado por tres persoas socias para a Xunta coa intención de converter a foliada en Ben de Interese Cultural (BIC). Quizais por aí se poida ligar o encontro co tecido asociativo da Mariña convidando ao tecido cultural.
-Como lle describirías a antropoloxía a unha persoa descoñecedora desta disciplina?
É unha ciencia social que estuda os grupos humanos na súa diversidade e o máis destacado é que traballa desde dentro, este punto é o que nos diferenciaría doutras ciencias sociais, mesmo moitas outras ciencias sociais recorren ao noso método de investigación. A clave está, penso eu, en que estudamos os fenómenos desde dentro. Intentamos comprender o sentido que lle dan as persoas en canto son parte de grupos humanos ao que fan, o que pensan e din. Traballamos a diversidade humana pensando en que hai unha unidade entre todos os seres humanos en canto especie e a cultura, entendida esta como todo canto nos axuda a sobrevivir e vivir en sociedade.
-Agatro ten tamén por obxectivo a profesionalización e desenvolvemento da antropoloxía. Por que vedes necesaria esa profesionalización?
Temos uns problemas que parten dunha falta de estudos de antropoloxía no sistema universitario galego, non hai grao nin mestrado nin doutoramento en Galicia nin no Norte de Portugal. Isto fai que esteamos ausentes nas ofertas de ensino público, só aparece quen está no sistema universitario. Aquí hai xente nova que vai estudar antropoloxía a Euskadi, Madrid ou Barcelona. É unha loita que temos cos poderes políticos, coa Consellería de Cultura e Educación. Doutra banda, somos un colectivo pouco visible. Ás veces confúndennos coa antropoloxía forense, pois non ten nada que ver. Igual está máis presente a antropoloxía sociocultural, ou se nos identifica con arqueoloxía, coa etnografía mesmo. A antropoloxía ten moito valor hoxe en día e de cara o futuro pode ser moi valiosa para a intervención social, para que os procesos de patrimonialización que sexan participados polas comunidades. A idea cos seis proxectos presentados en Viveiro é mostrar a amplitude de aplicacións que ten a antropoloxía. Tamén ten a vertente comparativa tamén hoxe calquera grupo social pode ser estudado. O noso método de estudo desde dentro dos grupos axuda moito á participación dos colectivos.