O BNG celebrou o pasado venres en San Cibrao unha palestra informativa titulada ‘A manada é o sistema‘.
A deputada no Parlamento galego Olalla Rodil e maila docente universitaria cervense e activista do feminismo Olga Castro participaron no evento, englobado nunha campaña que comezou o pasado 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
O acto, que congregou a ducias de persoas, pretendeu facer fincapé nas causas estruturais que favorecen a violencia machista.
“A violencia contra as mulleres, o feminicidio, ten o seu sustento ideolóxico no patriarcado que enchoupa todo o sistema, desde o xudicial e o institucional ata o político. Un sistema que convive sen reparos co asasinato de 45 mulleres nunha década, que apenas se inmuta coa denuncia de tres violacións por semana e que se resigna ante as 6.000 denuncias anuais por violencia machista”, subliña a campaña do partido nacionalista.
“VOLVER Á CASA, UNHA SITUACIÓN DE RISCO”
“Este sistema que considera normal que as mulleres sexamos xulgadas por como vestimos, por como nos divertimos, por como actuamos, que acepta que volver á casa de noite sexa unha situación de risco que toda adolescente ou muller responsable debe evitar”, denuncia o BNG.