O Ceip Plurilingüe Santa Rita de Galdo e mailo Ceip de Cervo participarán nun intercambio de boas prácticas educativas con centros europeos e doutras comunidades do Estado.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de seleccionar os oito centros escolares galegos que se beneficiarán do programa de innovación educativa ‘Observa_Acción‘, que involucrará a 40 docentes, cinco por colexio.
MODALIDADES
O Ceip Santa Rita foi seleccionado para a modalidade A do intercambio, reservada para os centros participantes no curso 2017-2018.
O profesorado do colexio de Viveiro realizará así unha visita de observación a un centro de referencia no espazo internacional europeo.
Pola súa banda, o Ceip de Cervo foi escollido para a modalidade C, na que o intercambio producirase cun centro de Castela e León durante dúas xornadas lectivas.
A iniciativa ten como obxectivo fomentar o desenvolvemento profesional dos docentes para a cooperación e colaboración, construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.
FASES DO PROGRAMA
Por unha banda, unha persoa do equipo directivo cooperará coa dirección do centro irmandado en observación relativa a competencias para o liderado, xestión de recursos propios e alleos e estratexias comunicativas e colaborativas.
Por outra, os docentes cooperarán co profesorado dos centros irmandados en observación relativa a novas propostas didácticas, metodoloxías activas e colaborativas, transformación na organización de centro, convivencia, inclusión, aprendizaxe integrado de linguas ou competencia dixital.
Finalmente, terá lugar o intercambio propiamente dito. A Xunta de Galicia recoñecerá a participación dos docentes nesta iniciativa como actividade de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación.