A Garda Civil detivo na localidade lucense de Mondoñedo a un veciño de Lourenzá, de 58 anos, como suposto autor dous delitos de violencia doméstica, acoso, ameazas e contra a seguridade viaria.
Os axentes trasladáronse ás inmediacións do domicilio da vítima tras ter constancia de que o presunto infractor se atopaba no lugar. Este, ao observar a presenza policial, fuxiu no seu vehículo sen deterse ata a chegada á vivenda que ocupa na actualidade, onde tratou de esconder un arma de fogo entre a maleza. Ao ser recuperada, comprobouse que estaba municionada con tres cartuchos.
Como o home presentaba síntomas evidentes de atoparse baixo os efectos do alcol, realizáronselle as probas de alcoholemia arroxando unha taxa de 0,75 miligramos. Así mesmo, interviñéronselle no interior da vivenda outras tres armas longas de lume e munición diversa. A persoa detida foi posta a disposición xudicial.