O BNG de Viveiro entregará o vindeiro luns na delegación da Consellería do Mar, en Celeiro, un manifesto polo saneamento da ría.
Os nacionalistas aseguran que “foron máis de 20 os colectivos asinantes que queren unha ría limpa e con vida”.
O documento, segundo o grupo municipal do BNG, aspira a “solucionar a contaminación da ría de Viveiro. Máis en concreto, esixe as melloras prometidas e necesarias na EDAR e a completa substitución do emisario submariño“, precisan.
Trátase dunha vella reivindicación no municipio, ao non comezar as obras malia que nos últimos dous anos consignáronse partidas para este obxectivo.
PROXECTO
A finais do pasado mes de outubro, a alcaldesa, a socialista María Loureiro, reuniuse coa nova directiva de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Na xuntanza, a nova directora, Teresa Gutiérrez, anunciou que Augas de Galicia retiraría a parte non soterrada do emisario para construír un novo, ademais da mellora da conexión á depuradora de Celeiro. O prazo estimado de licitación, segundo o anunciado, é de seis meses.