Representantes de bombeiros comarcais en folga replicaron á Deputación de Lugo que o peche o pasado sábado do parque de Barreiros foi “responsabilidade unicamente do Consorcio Provincial de Lugo e decisión solidaria do presidente Tomé Roca, que é quen rexe o seu funcionamento”.
Nun comunicado, o comité de folga lembra que a non realización de horas extra voluntarias busca deixar en evidencia a falta de persoal.
Ademais, apunta que o parque permaneceu pechado 24 horas o sábado por “o déficit” de persoal do Consorcio ao non garantirse a asistencia dos servizos mínimos establecidos (tres bombeiros). Indica que un bombeiro estaba de permiso de paternidade, outro en situación de incapacidade temporal de longa duración e un terceiro por permiso desde o 20 de setembro por coidade dun familiar por intervención cirúrxica.
Así, os bombeiros resaltan que o tres casuísticas estaban sen cubrir polo Consorcio, “polo que o peche non é culpa da parte traballadora, senón que se deu pola mala xestión de non cubrir as quendas de traballo e pola negativa de negociación por parte da institución”.
Os representantes dos traballadores critican que tanto o xefe do parque en funcións como a xerencia do Consorcio non esgotaron as medidas legais para evitar o peche do parque.
O pasado fin de semana, a Deputación de Lugo sinalou, nun comunicado, que “ningún do tres traballadores” da quenda do sábado presentáronse a traballar e “non xustificaron a súa ausencia”.