A alcaldesa de Trabada, Mayra García, afirma que a situación provocada polo incendio forestal próximo a casas neste municipio é “terrible”, debido ás condicións de vento, a chegada da noite e un lume que ve “incontrolado”, a pesar da presenza de medios para tratar de apagalo.
En declaracións a Europa Press, a rexedora sinala que no tres núcleos de poboación aos que se aproximan as chamas segundo a Xunta “vive xente” que “de momento” non foi desaloxada.
“Hai moito vento” nunha xornada na que os termómetros volveron a marcar altas temperaturas para a época do ano e nun contexto de escasas precipitacións, polo que o panorama é “terrible”, segundo a primeira edil. Este venres está previsto que unha fronte atlántica entre en Galicia e deixe choivas, aínda que na zona da Mariña non se prevé que sexa abundante.
A proximidade do incendio a núcleos de poboación obrigou a declarar a denominada ‘situación 2’, informa a Consellería de Medio Rural. En concreto, as chamas achéganse aos núcleos de Barreiros, Vidal e Penacova, tras iniciarse na parroquia de Trabada, no municipio do mesmo nome.