Mentres os resultados dos estudos sociolingüísticos para Galicia indican que o castelán é a lingua falada de xeito maioritario en zonas urbanas como Ferrol, Vigo ou A Coruña, na Mariña ocorre o contrario. Na costa lucense, un 72% dos habitantes indica que aprendeu a falar (lingua inicial) en galego.
A Mariña é un contexto favorable para desenvolverse en galego. Nalgunhas zonas da costa lucense, o porcentaxe de uso do idioma propio de Galicia alcanza o 79%. Son algunhas das conclusións da investigación ‘Lingua e Sociedade en Galicia. A evolución socionlingüística 1992-2013‘, un estudo encargado pola Real Academia Galega (RAG).
O predominio do uso do castelán correspóndese con zonas urbanas, cunha densidade poboacional maior e maior dinamismo económico. A Mariña e a área de Lugo –A Ulloa, Terra Chá e comarca de Meira, Lugo- fan contrapeso á situación sociolingüística de espazos como A Coruña-Betanzos e Vigo. Así, segundo a investigación, a bisbarra mariñá pode considerarse unha das principais zonas de preservación do galego.
o 90% dos maiores da bisbarra fala galego. na nenez, o porcentaxe cae ao 50%
Con todo, a norma xeral é que a práctica lingüística en galego diminúa a medida que descende a idade. De feito, nas persoas con máis de 64 anos os galegofalantes supoñen o 90% na Mariña Lucense. Na nenez -de cinco a 14 anos- os usos habituais do idioma están próximos ao 50% na bisbarra.
ZONAS URBANAS
A relación entre o galego e o castelán invértese cando se compara os usos no contexto rural, onde a súa presenza é maioritaria, cos contextos urbanos, onde pasa a ser minoritario. En Vigo só hai un 19% de galegofalantes; en Ferrol, a porcentaxe cae ao 15%; na Coruña, as enquisas deixan unha cifra do 22%.
Segundo conclúe a investigación encargada pola RAG, “resulta evidente que o futuro do idioma pasa por proporcionar nas grandes urbes espazos facilitadores nos que desenvolverse en galego, porque estes contextos reforzan a utilización do castelán e dificultan que os galegofalantes podan desenvolverse na súa lingua”.