IniciosociedadeXoán Bouza: "Aquí están usando o persoal para tapar ocos"

Xoán Bouza: “Aquí están usando o persoal para tapar ocos”

O martes día 14 de novembro persoal do Hospital da Mariña realizou unha concentración para reivindicar melloras tanto no aumento de persoal como en material sanitario e de atención aos doentes. A concentración foi organizada pola Xunta de Persoal do centro xunto co colectivo de enfermeiras 'A Por Todas'. O mesmo que noutros lugares de Galicia onde existen centros sanitarios públicos, reivindicouse un maior investimento na sanidade pública fronte ao modelo de derivacións. Xoán Bouza é membro da Xunta de Persoal do Hospital da Costa e un dos participantes na concentración.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é o estado actual do Hospital da Costa que levou á concentración deste martes?

O Hospital da Costa foi ampliado, en grande medida pola presión da xente da rúa, con todo eses novos metros cadrados non implicaron un aumento proporcional do persoal, hai déficit de material, o que hai é obsoleto, hai problemas nos diferentes andares do centro hospitalario. Sobre o material, por exemplo, os aparatos que chepoñen no dedo e miden o osíxeno no sangue, tensiómetros e outros elementos básicos como son os termómetros, uniformes, etc. Iso no que respecta ao material, mais logo temos un déficit de persoal en todas as categorías, isto provoca unha sobrecarga de traballo e a consecuencia é que a calidade de atención aos usuarios non vai ser óptima, porque é imposible nestas condicións. Hai problemas en enfermaría e no cadro de médicos, con moita xente que se vai para outros lugares como Asturias ou País Vasco e todo por un motivo, o tipo de contratación e o tipo de trato que reciben no hospital.

-Explica estes dous puntos finais que sinalas.

Eu traballei en hospitais grandes e cando asinaba un contrato dicíanme: “o contrato é para Urxencias”, pois eu estaba en Urxencias, o que non estaba era un día en Urxencias, outro día en Traumatoloxía ou para o outro día estaba en Medicina Interna. Eu son enfermeiro,si, mais aquí usan a todo o mundo para tapar ocos. Andas polo hospital dependendo de onde teñan necesidades, teñen un problema con enfermaría e cos médicos. Hai cinco anos avisamos disto mesmo, que xa estaba comezando a suceder. A resposta era que se deixaban este hospital era por cuestións persoais. Pasou cos internistas, vanse porque non queren quedar ante a sobrecarga de traballo e saímos máis tarde porque ao final prima o doente. Chega unha compañeira mais quedas porque non hai persoal abondo e non vou deixar un doente sen atender.

-Ese tempo que quedas de máis non se retribúe?

Si hai momentos que se retribúen como por exemplo cando unha compañeira non pode ir ao traballo. A min pódenme preguntar se podo quedar e direi si ou non. Se quedo será a cambio dun día libre ou unha remuneración. Mais en xeral, toda a xente está queimada, desde enfermaría, celadores ou cociña, o persoal está crispado.

-Cal é a resposta da dirección do hospital cando realizades mobilizacións como a do martes?

Sinceramente, a dirección nunca responde a nada. Se facemos unha petición de material no rexistro con dobre copia, unha para eles e outra para nós, nunca hai resposta. Si é certo que unha vez por mes, cando queren, temos unha reunión coa dirección onde expoñemos diferentes temas e sempre din: “comprométome, heino mirar” e de aí non pasan. Dependemos de Lugo? Si, dependemos de Lugo e no seu momento dixemos “non será bo” e eles teimaban que si. Eu sempre digo que se tes unha casa habitual en Lugo e na costa tes un piso para botar un mes de verán, pois o maior investimento seguramente o fagas na túa casa de Lugo e non no piso da costa. Intúo que por parte desta xerencia deberán ter os seus pros e contras con Ramón Ares, xerente da área Lugo-A Mariña-Monforte. Tamén intúo que Ares tampouco é coñecedor de moitas cousas. Ademais disto, agora temos unha demanda sobre a presenza dun único técnico de laboratorio pola noite e non dá feito todo o traballo. O Hospital do Barbanza está dotado con dous cando é un hospital máis pequeno. Solucións? Aquí por parte da xerencia, ningunha.

-Socialmente sentídesvos apoiados desde a rúa?

Creo que a xente é coñecedora de todo canto sucede no hospital. A xente da comarca, ben a través da Plataforma Sanitaria, con moitos anos detrás concienciando, traballando ou saíndo en manifestacións. Creo que a xente cando sofre en primeira persoa as listas de espera, xa non é o que digamos nós, non, agora a xente xa o sofre en primeira persoa.Tal como está pasando no Centro de Saúde de Viveiro onde se denunciara a falta de médicos, e a onde fun para contrastar que era certo: de sete médicos nada máis hai dous e só atendían urxencias. Volvín pola tarde, e de tres só había un. A xente ve esas cousas, víveas en primeira persoa e a sanidade é un tema moi sensible que nos afecta a todos. Non todos poden pagar unha consulta privada.

-Entendo que con todo isto hai unha certa capacidade de resiliencia por parte do persoal hospitalario.

Penso que A Mariña, sen faltar a outras áreas, é unha área sanitaria moi combativa. Levo doce anos aquí e xa lembro a “cacerolada” diante do Concello de Burela e concentracións por atención primaria. A comarca ten moi interiorizada a cuestión sanitaria pois a xente responde. Cando convocas unha concentración como a deste martes pasado nunca sabes o que pode suceder mais eu vexo unha boa resposta por parte da xente da Mariña, sinto que está concienciada, fíxose moito traballo pedagóxico antes, mais por desgraza, os e as habitantes da comarca xa padecen os problemas da sanidade pública en primeira persoa. Contra iso pode saír o SERGAS, o conselleiro e o xerente da área sanitaria para diciren calquera cousa, a xente xa non traga.

-Por outra parte, existe unha campaña de concienciación para evitar a violencia contra o persoal médico. Aínda así, ante a falta de persoal para atender os doentes e que as cousas vaian lentas, é causa de actitudes violentas cara os profesionais do hospital?

Iso acontece sobre todo en Urxencias, a porta de entrada ao hospital. Tamén entendo como funciona Urxencias e se vas cunha torcedura no nocello, porémosche unha cor verde querendo dicir que non é unha urxencia, mais se chegan dez persoas e lles poñemos cor vermello ou laranxa, que son urxencias ineludibles, quen leva a cor verde deberá esperar. Isto é a triaxe, en función da gravidade serás atendido antes ou despois. É certo que en Urxencias poden darse incidentes, nos andares penso que non, alí están os doentes, as familias e observan todo canto sucede no hospital. Posiblemente haxa máis agresións a persoal sanitario en Atención Primaria, a pesar de terse instalado o botón do pánico. A Primaria está nunha situación peor.

-Por outra parte, todo isto debe pasar factura mentalmente aos e ás profesionais do hospital.

Si, pasa factura, pois temos unha grande cantidade de profesionais de baixa por ansiedade, están queimados laboralmente, vin compañeiros e compañeiras chorando por que non poden máis. Iso repercute na saúde mental dos e das traballadoras. Un grande número son moi bos profesionais e todos queren facer ben o seu traballo, mais cando non o podes facer chega a frustración. Porén, cando queres falar con alguén e non che poñen solucións sobre a mesa, aínda hai máis frustración.

-Cal sería a maneira de facerdes máis presión até que atendan as vosas reivindicacións?

A experiencia que eu teño é, por unha parte, a prensa pois houbo unha época que as nosas notas de prensa xa non ían a Lugo senón directamente ían ao gabinete do SERGAS para comprobalas. E outra cousa que non lles gusta é que a xente saía a rúa.

-A situación xeográfica da Mariña, separada de Lugo polos montes e logo a Terra Cha, non fai pensar en que é moi necesario o reforzo de persoal e servizos? Ninguén analizou isto?

Nós sempre dicimos que o noso non é un hospital comarcal. De feito, médicos que veñen aquí quedan sorprendidos ante o feito de termos unha UCI, servizo de prematuros e outros elementos que non hai nun hospital comarcal tal e como foron concebidos. É un hospital necesario? Si, somos máis de 70.000 habitantes, cunha poboacion moi dispersa e que recolle desde O Vicedo até Ribadeo e logo a parte interior. Para solucionar os problemas do hospital hai que ter vontade política, porque son cuestións políticas as necesarias para reverter a situación. Certo que hai persoas derivadas a Lugo, mais moitas non van directamente para o HULA senón para un dos dous centros privados que hai nesa cidade e que necesitan moito diñeiro para atender as persoas derivadas. Analicei as persoas que van a rehabilitación, onde temos unha lista de espera enorme, esas persoas van aos centros privados. Na Mariña hai tres centros concertados para prestar asistencia en rehabilitación. Outro problema histórico que temos é a logopedia, pois tamén está concertada, cando a deberiamos ter no noso hospital. Este hospital ten que dar resposta ao máis básico. O modelo actual está apostando pola centralización nos grandes hospitais en detrimento dos pequenos hospitais. A xente ten dereito a unha atención sanitaria de calidade e proximidade independentemente de onde vivas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...