IniciosociedadeEncarna Santos: "O apego ben establecido é importante e isto dase dedicando...

Encarna Santos: “O apego ben establecido é importante e isto dase dedicando tempo aos nosos nenos e nenas”

Educando en Familia é un programa que leva máis de tres décadas funcionando no norte da provincia de Lugo. Encarna Santos, Fahy Eijo e Ana María Vázquez, forman o equipo desta iniciativa. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) entregoulles en 2020 un premio "polo seu acompañamento ás familias con nenos de cero a seis anos". Encarna Santos explica como funciona Educando en Familia e cales son os valores que moven este proxecto.

Publicada o

- Advertisement -

-Descríbanos ‘Educando en Familia’.

É un programa educativo que leva moitísimos anos traballando na zona de Lugo Norte, concretamente nos concellos da Mariña e parte da Terra Chá. Buscamos que o programa teña un espazo en todos os colexios onde atendemos familias con nenos de cero a seis anos. Á parte destas actividades semanais impartidas nos colexios tamén temos unha web onde subimos todas as actividades. Aí os pais poden acceder mediante contrasinal para acceder a todos os contidos para axudar educativamente ás familias, é dicir, poden recorrer á web para consultar de novo o contido nas súas casas. No meu caso teño sobre 120 familias participanto neste programa educativo. Tamén teño outra compañeira, Fani Eijo, que atende un número igual de familias na Mariña e na Terra Chá está Ana María Vázquez. O programa leva 33 anos nos mesmos colexios da zona. Á parte das actividades semanais fanse encontros e obradoiros nos mesmos colexios onde realizamos as actividades. A estes encontros acoden profesionais educativos para profundar en temáticas de interese para as familias.

-Que tipo de temáticas abordan neses encontros con profesionais da educación?

Son moitas as temáticas máis todas relacionadas co desenvolvemento evolutivo dos nenos e das nenas. A que se realiza en Ribadeo, na parroquia de Cinxe, o sábado 25 de novembro vai enfocada a nenos máis grandes, é dicir, un neno que veu con nós hai uns anos hoxe pode ter 15 e mesmo hai algunhas que xa son nais, era un punto que nos pediron as familias. Normalmente desenvolvemos as actividades no colexio Gregorio Sanz en Ribadeo, mais tamén queremos levar o noso traballo ao rural porque tamén hai familias que necesitan destas palestras. O encontro de Cinxe organizámolo un sábado por ser o único día en que as familias podían asistir debido aos horarios laborais da semana.

-O encontro chámase ‘Sácalle partido ao teu estudo’. Cales son os obxectivos que se marcan no mesmo?

O encontro levarao Carolina García Chico, especialista en Pedagoxía Terapéutica e Intervención Familiar. A idea é axudar aos nosos nenos e nenas na aprendizaxe de estratexias eficaces para o seu estudo. O noso traballo vai dirixido a toda a comunidade educativa e por iso buscamos crear encontros para nenos máis grandes.

-Cal é o grao de implicación das familias e sobre todo, existen algún perfil concreto de grupo familiar que se achegue a iniciativas como esta?

Sobre o grao de implicación podemos dar un dez, pois eu soa xa che digo que teño 120 pequenos. Á parte disto, queremos traballar o tecido comunitario con visitas, saídas, traballamos o Entroido, facemos excursións en diferentes medios de transporte para que o alumnado puidera coñecelos. Sobre o tipo de familia podo dicir que se achegan todo tipo de familias.

-Hai algún tipo de necesidade entre o alumnado que acode aos seus encontros e obradoiros?

Nós colaboramos cos centros de atención temperá da zona, neste caso Modoñedo e Ribadeo. Cando existe algún tipo de necesidade, o propio centro de atención temperá contacta con nós para traballar coa familia e os nenos. Temos espazos para traballar directamente coa familia en caso de necesitar asesoramento.

-Como se implican as diferentes administracións?

Se non houbese implicación non existiriamos pois este é un programa totalmente gratuíto para as familias. Temos apoios de Concellos, Deputación e Xunta de Galicia.

-Despois de trinta anos de traballo cales son os principais cambios observados nas persoas que pasaron polo programa e entre diferentes xeracións?

Estou orgullosa destes trinta e tres anos de mestra orientadora nestes colexios e con estes programas. Cando saio á rúa vexo nais e pais que pasaron polo programa e lembran cando iamos en barco, en tren e outros medios nas nosas excursións. Con todo, o que máis me enche de orgullo é vermos hoxe a mesma necesidade que había cando comezamos, é certo que hai trinta anos os nenos non tiñan as escolas infantís por iso acudía a nós un maior número deles, mais hoxe hai escolas infantís e os nenos e nenas seguen vindo a ‘Educando en Familia’. As familias que veñen até aquí están moi implicadas na educación. Os cambios foron enormes. Os nenos hoxe necesitan traballar máis a atención porque teñen moitas cousas ao seu redor, antes non, os xoguetes son excesivos moitas veces para nenos e nenas destas idades. Os nenos e nenas xogan con calquera cousa que teñan á man. Un xoguete nestes primeiros anos son os pais, dedicarlles tempo, estar con eles, xogar con calquera cousa, como se é unha culler de pau para tocar calquera cousa. A sociedade evoluíu moi axiña e nos tempos actuais moitos nenos e nenas están sobreestimulados.

-Atreveríase a dar unha visión a futuro sobre as actuais xeracións de nenos e nenas, mozos e mozas?

O sentido común é algo que non debemos perder nunca, ninguén nin profesores nin familias non profesionais para transmitir coñecemento. A sociedade de hoxe vai moi acelerada mais o neno e a nena de hoxe son os mesmos coas súas necesidades básicas que tiñan os nenos de hai cen anos. Imos tan axiña que non caemos na conta de que non se poden queimar etapas. O neno e a nena teñen unha madurez que se lles debe respectar. O neno vai camiñar cando lle cheguen os doce ou trece meses, non aos sete; o neno controlará os esfínteres aos dous anos, non cando ten un e iso é o que pido eu, calma, serenidade e paciencia. Os pais dediquen tempo de calidade aos fillos e fillas, porque os primeiros anos son esenciais e por tanto débese dar unha resposta axeitada para que ese neno e esa nena poida medrar con equilibrio e seguridade na vida. O apego ben establecido é importante e isto dase dedicando tempo aos nosos nenos e nenas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...