A Garda Civil detivo a un veciño da Mariña lucense de 34 anos por solicitar a menores fotos de contido sexual. Cinco das vítimas tiñan menos de 12 anos. Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, o home foi detido no marco da operación ‘Soucas’ por ‘grooming‘ (contacto con menores de 16 anos con fins supostamente sexuais). Tamén se lle imputa como presunto autor dunha agresión sexual cometida hai dous anos, así como un delito de coaccións (acoso con fins sexuais).
O ano pasado, o home enviou mensaxes, a través dunha coñecida rede social, a mulleres e nenas menores de idade, nos que solicitaba encontros de índole sexual e fotografías íntimas, cunha linguaxe claramente sexual. “Ante a gravidade dos feitos xérase alarma social entre os habitantes das localidades da Mariña, ademais do temor de varias das vítimas e a súa familia ao sentir que se atopan ante un posible depredador sexual“, explica a Garda Civil. O detido foi posto a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número un de Viveiro.