O conselleiro do Medio Rural, José González, asegurou nunha xuntanza coa alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, que as reestruturacións parcelarias da zona norte do municipio e de Sasdónigas están “nos últimos pasos de cara a chegar á firmeza de acordo”, aínda que non concretou prazos.
As dúas concentracións parcelarias están en marcha desde hai anos e a Xunta prevía que, alomenos a da zona norte, estivese lista no 2018. Corresponde ás parroquias de Vilamor, Masma e Couboeira, cunha extensión de 811 hectáreas.
No tocante á de Sasdónigas, a extensión á que afectaría o novo ordenamento de superficie sería de 599 hectáreas.
CANLES CURTAS DE DISTRIBUCIÓN
González e Candia abordaron en San Caetano as novas axudas para o establecemento de canles curtas de distribución que, segundo o representante da Xunta de Galicia, sairán convocadas na primavera.
O obxectivo desta orde, expón o Goberno galego, é fomentar a cooperación entre pequenos produtores para a creación e consolidación de mercados locais e cadeas curtas de distribución, cun só intermediario entre produtor e consumidor.
O conselleiro trasladoulle á alcaldesa que poderán ser beneficiarios destas axudas os colectivos de agricultores, gandeiros e microempresas dun mesmo ámbito rural de Galicia, cun mínimo de dous socios, constituídas baixo calquera fórmula xurídica admisible.
HORTA DE MONDOÑEDO
Así, González explicou que os produtores da Horta de Mondoñedo poderán solicitar estas subvencións, que aspiran a fomentar un maior equilibrio na cadea de valor da produción agroalimentaria.