O Concello de Viveiro explicou este venres a actividade que manterá na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará do 23 ao 27 de xaneiro en Madrid.
O goberno local aspira a “desestacionalizar o turismo” no municipio e asegurou que fortalecerá a súa presenza na feira, segundo explica a alcaldesa, a socialista María Loureiro.
Viveiro lucirá en catro presentacións institucionais e ten programadas citas para contactar con navieiras, touroperadores e tamén cunha televisión local madrileña especializada en programas de viaxes.
O municipio coprotagonizará presentacións por parte da Deputación de Lugo e da Mancomunidade de Municipios da Mariña, e mostrará dous dos seus recursos turísticos, a Semana Santa e o Resurrection Fest, en actos a nivel autonómico impulsados pola Xunta de Galicia.
estará presente nos actos da deputación e a mancomunidade, e o resu e a semana santa lucirán en promocións colectivas
Así, a Semana Santa, de Interese Turístico Internacional, exhibirase coa de Ferrol nunha presentación conxunta, mentres que o ‘Resu‘ será un dos atractivos dun acto de promoción dos festivais musicais galegos.
Ademais, a edil de turismo, Marisol Rey, e maila técnico municipal neste ámbito, participarán de encontros pactados para tentar atraer cruceiros a Viveiro, ademais de mellorar a súa presenza entre os operadores turísticos.
Por parte do goberno local, tamén estivo presente na rolda de prensa o concelleiro de mar, Suso Fernández.
VÍDEO “INNOVADOR” DA SEMANA SANTA
A Semana Santa de Viveiro estreará en Fitur un vídeo promocional “innovador“, que será especialmente “visual”, con imaxes de distintas edicións da celebración relixiosa, segundo explicou Pepe Veiga, presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro.
Tamén se exhibirá o cartel desta edición. Mentres que outros anos a organización optou por un concurso para a súa elaboración, neste 2019 o artista viveirense David Catá será o encargado de realizar o póster.
Os organizadores da festividade tamén achegaron datos da exposición de imaxes relixiosas ubicada no claustro de San Francisco. O vicepresidente da xunta de confrarías, José Luis Couceiro, precisou que entre os meses de marzo a decembro achegáronse pola mostra 2.640 persoas, 2.534 españolas e 106 estranxeiras.
A xunta de confrarías quere estrear en abril un sistema de paneis explicativos dos materiais da exposición.