Unha campaña de recollida de sinaturas e mocións en cada concello reclamarán melloras no servizo de pediatría que comparten os municipios de Lourenzá, Barreiros e Mondoñedo.
Así se decidiu na noite do venres, nunha xuntanza en Lourenzá na que participaron veciños dos tres concellos, representantes políticos “de todas as cores” e integrantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explicou que o goberno local levará a pleno unha moción para esixir ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que garanta a cobertura da pediatra que está de baixa e o cumprimento do calendario de vacinas, ante o “grave risco” que corren os nenos.
BNG E PSOE, NO PARLAMENTO
“Ademais falei cos rexedores de Barreiros e Mondoñedo e manifestaron que tamén levarán esta iniciativa aos respectivos plenos dos seus concellos”, explicou. Tamén adiantou que o PSOE levará esta carencia ao Parlamento galego, tal e como fixo días atrás o BNG.
A PLATAFORMA: “PODE PASAR NOUTROS SITIOS”
Montse Porteiro, voceira da plataforma sanitaria da Mariña, afirmou que “o problema de pediatría é moi grave, porque os nenos non poden quedar sen atención especializada”, e advertiu de que “isto pode pasar en calquera localidade onde exista pediatra de familia e pida unha baixa ou vacacións, dereitos fundamentais dos traballadores”.