O Concello de Mondoñedo espuxo este venres a súa aposta para promocionar o municipio como destino turístico na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a vindeira semana.
Mondoñedo terá presenza no stand de Galicia e coprotagonizará tanto a presentación das Semanas Santas declaradas Festas de Interese Turístico de Galicia como na do produto turístico que pon en valor o potencial dos cascos históricos galegos.
En concreto, a alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, intervirá o xoves 24, ás 16.30 horas, na presentación das Semanas Santas.
O potencial de Mondoñedo tamén terá presenza na presentación que porá en valor o potencial dos cascos históricos de Galicia, destacando os seus valores culturais, gastronómicos e da artesanía local.
De igual modo, Mondoñedo lucirá nos actos da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e da Deputación.
A rexedora afirma que ten pechadas reunións con axencias e operadores cos que establecerá contactos para divulgar a actual oferta de produtos e servizos deste destino declarado un dos Pobos máis Bonitos de España.
A catedral; a Cova do Rei Cintolo ou o Camiño de Santiago xunto ao museo de Cunqueiro, que se inaugurará en breve; ou o da Imprenta; así como a feira máis antiga de Galicia, As San Lucas, son outros dos reclamos de Mondoñedo que se buscará promocionar no encontro.
HOSTALEIROS DE BARREIROS
Por outra banda, unha representación composta por tres integrantes da recentemente creada Asociación de Hostalería de Barreiros asistirá a Fitur.
Ademais de asistir a presentacións para promocionar Barreiros e a outros relatorios dos que extraer exemplos de boas prácticas como inspiración, a agrupación pechou reunións co axencias de viaxes minoristas.
a hostalería de barreiros acudirá á feira con tres persoas e pechou encontros con axencias de viaxes minoristas
Nestas xuntanzas pretende establecer unha primeira toma de contacto e coñecer os servizos ofrecidos para valorar o encaixe destes coa versatilidade de opcións de hostalería que existen no concello barreirense.
Igualmente, nas futuras semanas, a Asociación de Hostalería de Barreiros xuntarase de novo para valorar a posible participación noutros eventos semellantes como é o III Fórum Fairway, sobre o Camiño de Santiago; Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico ou Turexpo, Salón Turístico de Galicia.