O Concello de Lourenzá impulsa, en colaboración coa Deputación de Lugo, un programa de dinamización en tres parroquias, con actividades de novas tecnoloxías, ximnasia de mantemento, pilates, manualidades e artes decorativas.
San Xurxo, San Tomé e Santo Adrao serán as fegresías beneficiadas no proxecto, que se desenvolverá desde o 11 de febreiro ata maio.
As persoas adultas poderán inscribirse a un total de cinco cursos e os tres máis votados serán os que se realicen. As actividades serán de balde para as persoas participantes, cunha duración de dúas horas á semana.
ANOTAN ATA O 8-F
O prazo de inscrición permanece aberto desde este luns ata o 8 de febreiro. Anotan na biblioteca municipal de Lourenzá, de luns a venres de 17.00 a 20.00 horas.
O goberno local sinala que o obxectivo é dotar á veciñanza dunha maior e mellor oferta de actividades de formación, ocio e tempo libre.
XUNTANZA LÚDICA
Realizaranse dous tipos de accións: a oferta de actividades de lecer e formación e, ao final do programa, unha xuntanza lúdica con todas as persoas que participen no programa.
Segundo o executivo municipal, as actividades contribuirán a “mellorar as relacións sociais das persoas do rural de Lourenzá como base para a súa participación social e o fortalecemento da comunidade”.