O Concello do Valadouro organiza o 2 de febreiro a segunda edición da Feira de Razas Autóctonas Galegas da Mariña. O lugar habilitado para o seu desenvolvemento será o aparcadoiro a carón da piscina municipal, a partir das 10.00 horas.
Haberá tradicional mercado de gando e varias actividades. Os asistentes poderán contar con amplos aparcadoiros e un posto onde comer polbo á feira e xamón cocido.
Ás 11.00 horas, na feira, a asociación de criadores de cabalo de Pura Raza Galega (PRG) organiza o concurso morfolóxico da especie. O presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez, fará unha demostración de traballos pé a terra con rédeas longas.
Á partir das 12.30 horas celebrarase unha conferencia no salón de actos da casa da cultura, baixo o nome ‘Razas autóctonas galegas. Juan Carlos Puente, vicepresidente de Asociación Can de Palleiro, será o encargado de pronunciar o relatorio.
Unha das novidades desta segunda edición será a primeira poxa de gando de Raza Rubia Galega na Mariña, que comezará ás 13.00 horas no recinto feiral.
Xa pola tarde, sobre as 16.30 horas, haberá unha demostración de Monta á Amazona con cabalos da PRG.
PREMIOS
A organización disporá máis de 4.000 euros entre as distintas especies de gando. A entrega de premios pechará a xornada, nas inmediacións da carpa, sobre as 18.00 horas.
INFORMACIÓN
Informan na casa da cultura do Valadouro entre 21 e o 29 de xaneiro, tamén no correo cultura@valadouro.org ou no teléfono 982.57.15.16.