O PSOE de Foz advirte do “colapso” da Policía Local, que ao entender dos socialistas carece de “persoal, medios e material“.
Os socialistas aseguran que o número de traballadores minguou nas últimas datas. “Hai falta de efectivos nas rúas. Un dos membros do corpo está en comisión de servizos noutra localidade, ao que se sumou a recente xubilación dun dos policías, co que se reduciu o número de axentes a sete“, explican.
O candidato a alcaldía polo PSOE de Foz, Fran Cajoto, asegura que “non é posible prestar un servizo completo, 24 horas, sete días á semana, con tan poucos axentes. Este pasado verán non se reforzou o cadro de persoal, o que fala da falta de previsión do Concello”, argumenta.
CARENCIA DE MEDIOS E MATERIAL
No tocante aos medios, os socialistas sosteñen que o corpo “carece de garaxes para estacionar os vehículos e de equipamento axeitado para facer as súas tarefas”.
PROXIMIDADE
Cajoto subliña a importancia da Policía Local, “que pola súa proximidade é o primeiro corpo que chega a multitude de accidentes e incidencias”.