A expedición da Mariña Lucense na Feira Internacional do Turismo (Fitur), que se celebra estes días en Madrid, viviu este xoves unha xornada intensa á procura de promocionar os 16 municipios e a comarca en xeral nun encontro que congrega arredor de 250.000 persoas.
O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, mantivo unha xuntanza coa axencia Pilgrim para tentar incrementar o número de peregrinos do Camiño norte que pasen polo municipio e que pernocten no seu albergue.
“Trasladámoslle que se debería facer, porque moitos peregrinos así o demandan, a etapa Ribadeo-Barreiros e Barreiros-Mondoñedo, en lugar doutras que se realizan na actualidade”, indicou o rexedor.
Noutra xuntanza, Fuente Parga abordou coa Axencia Galega de Turismo a sinalización dos recursos turísticos do concello.
DEPUTACIÓN
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, acudiu pola mañá á presentación do spot promocional da Deputación de Lugo e coincidiu no recinto co ministro de Agricultura, Pesca, e Alimentación, Luis Planas, ao que convidou a asistir á Feira Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará no mes de maio.
En representación do Concello de Cervo, acudiron a Fitur os edís de medio ambiente, Mali Méndez, e o concelleiro de deportes, José Ramón Soto, que departiron con Pablo Casado.
O ALCALDE DE BURELA CONVIDOU AO MINISTRO DE PESCA A EXPOMAR
VÍDEO DA MANCOMUNIDADE
Pola tarde, a Mancomunidade de Municipios da Mariña presentou o novo vídeo promocional da bisbarra, coa presenza de representantes dos 16 municipios.
Interviron no acto Llano, responsable do colectivo de municipios, o presidente da Deputación, Darío Campos, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.
O casco histórico de Mondoñedo ou o Resurrection Fest luciron nas presentacións colectivas do Goberno galego, que tamén promocionou o Camiño norte, declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e a concelleira de turismo, Ana Martínez, mantiveron reunións con axencias e tourperadores a fin de captar turismo para a localidade, sobre todo en tempada baixa. A procura de visitantes do Camiño de Santiago foi un dos obxectivos.
RIBADEO INDIANO
Ademais, centos de persoas arrouparon coa a presentación internacional do Ribadeo Indiano 2019, na Casa de Galicia e delegación da Xunta na capital.
pablo milanés saudou a presentación internacional do ribadeo indiano 2019, dedicado á súa cuba natal
O cantautor cubano Pablo Milanés saudou aos presentes nun acto que se puido ver en streaming. A edición de 2019 estará dedicada a Cuba, de aí que asistiran representantes da Agregada Cultural da Embaixada deste país en España. Así mesmo, asistiu o Embaixador de Arxentina, entre outras autoridades.
SEMANA SANTA DE VIVEIRO
Pola súa banda, o Concello de Viveiro presentou coa xunta de confrarías o vídeo promocional da Semana Santa viveirense.
Coa alcaldesa, María Loureiro, á fronte, o goberno local participou en catro presentacións colectivas e mantivo encontros con navieiras, touroperadores e canles de televisión.